Para cumprir co regulamento europeo relativo ao cargador universal para móbiles e outros dispositivos electrónicos confíase que os novos modelos de iPhone que saian á venda este ano conten con porto de carga USB-C en vez do habitual conector Lightning, pero nos últimos meses comentouse que Apple podería estar a traballar nun conector USB-C limitado, de xeito que só contarían con todas as funcións os cargadores e cables que contase con certificación MFi (Made For iPhone), ou sexa, de empresas que pagasen a Apple por tal certificación.
Coñecedores desta información, o comisario de Industria da Unión Europea, Thierry Breton, saíu a matizar que non se permitirán restricións na interacción cos cargadores, ou sexa, que se os futuros iPhone non satisfán os criterios establecidos no marco da Unión Europea prohibiranse no noso mercado, o que a propia Comisión Europea lembrou a Apple nunha xuntanza celebrada a mediados de marzo.
Para o terceiro trimestre do ano publicarán unha guía para garantir unha interpretación uniforma da lexislación, respondendo ás preocupacións de figuras como a presidenta da Comisión de Mercado Interior e Protección do Consumidor, Anna Cavazzini, quen directamente acusou a Apple de querer evadir as normas da Unión Europea.
Os vindeiros iPhone deberán ter un USB-C sen restricións de carga
Compartir Este Artigo
