21 días co galego e + xuntou preto de 600 participantes na celebración do Día da Lingua Materna

mércores, 21 de febreiro do 2024 S. P.

A Consellería de Cultura e Educación, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Real Academia Galega (RAG) conmemoraron este mércores 21 de febreiro o Día Internacional da Lingua Materna. Fixérono coa celebración do II Encontro 21 días co galego e +, unha actividade lúdica, participativa e didáctica que reuniu na Cidade da Cultura preto de 600 participantes da VI edición do dito programa de dinamización lingüística orixinado no IES da Pobra do Caramiñal (da man da profesora Pilar Ponte) e agora estendido a toda Galicia tralo impulso da Xunta: unha iniciativa que convida aos estudantes a mergullarse na fala e a escrita galega durante tres semanas, apoiándose na web blogs.xunta.gal/21diascogalegoemais. A xornada deste mércores estivo marcada polo intercambio de experiencias, música e xogos.
Durante o acto, presentado polo músico Pakolas, o titular en funcións da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, aproveitou para agradecer a todas as persoas participantes desta edición do 21 día co galego e + “o éxito desta iniciativa coa que, entrega tras entrega, queremos seguir axudando a que a nosa lingua sexa un elemento máis do día a día da rapazada para que esta leve o galego o máis lonxe posíbel”. “De aí a importancia dunha efeméride como a que conmemoramos hoxe”, declarou.
Ao longo da xornada, na que tamén participou o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, o alumnado, o profesorado e os coordinadores dos Equipos de Dinamización da Lingua Galega pertencentes aos 10 centros escolares participantes nesta edición gozaron da música, bailes, monicreques, xogos tradicionais e contos que eles mesmos prepararon para o encontro.
Neste curso 2023/2024, que tivo como principal novidade a incorporación dos centros de Educación Infantil como participantes, o programa desenvolveuse nos colexios CEIP Ponte dos Brozos (Arteixo), CEIP de Prácticas López Ferreiro (Santiago de Compostela) e CEIP Plurilingüe da Ramallosa (Teo), na provincia da Coruña; no CEIP Plurilingüe de Nadela e CEIP Frei Luís de Granada (Sarria), en Lugo; no CEIP O Couto (Ourense) e CEIP Ramón Otero Pedrayo (O Barco de Valdeorras), en Ourense e no CEP Campolongo (Pontevedra), CEIP Plurilingüe García Barbón (Vigo) e CEIP Plurilingüe Pintor Laxeiro (Vigo), na provincia de Pontevedra.
O Día Internacional da Lingua Materna foi proclamado pola Conferencia Xeral da UNESCO en 1999 e celébrase anualmente cos obxectivos de promover o plurilingüísmo e a diversidade cultural. Este 2024, baixo o lema Educación multilingüe: un piar da aprendizaxe interxeracional, esta efeméride pretende visibilizar o feito de que a educación na lingua materna apoia a aprendizaxe, a alfabetización e a adquisición de idiomas adicionais.
A Xunta de Galicia conmemora esta data desde o ano 2010, contextualizándoa na nosa Comunidade e orientándoa á promoción e transmisión da lingua galega.

PUBLICIDADE