Vigo será a capital da innovación e investimento coa celebración de The Way Startup Summit

venres, 26 de abril do 2024 S. P.

The Way Startup Summit celebrarase en Vigo o 9 e o 10 de maio e acollerá na súa axenda, entre outras actividades, o Investor´s Day da sétima edición de ViaGalicia, o programa de aceleración de startups promovido polo Consorcio da Zona Franca de Vigo e a Xunta de Galicia. O programa tamén inclúe máis de 50 pitch de novas firmas innovadoras, máis de 100 relatores, máis de 800 participantes presenciais e máis de 1.000 asistentes en formato online. Será, en palabras Zona Franca, “o maior foro de emprendemento, innovación e investimento no noroeste de España e cita de referencia a nivel nacional”.
The Way Startup Summit presentouse este venres 26 de abril na sede do Consorcio da Zona Franca de Vigo, colaborador principal, coa presenza do delegado do Estado no Consorcio, David Regades; do alcalde de Vigo e presidente de Zona Franca, Abel Caballero; así como do coordinador e promotor deste congreso, Lalo García.
O programa de The Way contempla tres grandes escenarios ao redor da innovación, o emprendemento e o investimento, así como a organización de espazos de networking entre os asistentes, co obxectivo de que establezan contactos, intercambien coñecementos e se propicien sinerxías entre eles.
The Way desenvolverase os días 9 e 10 de maio abordando temas como os retos de futuro das tecnoloxías financeiras (fintech), da mobilidade, da alimentación, do comercio retallista, do turismo, do deporte ou do téxtil, entre outras áreas.
Entre outras grandes iniciativas, The Way Startup Summit acollerá na súa axenda a celebración do Investor´s Day da 7.ª edición de ViaGalicia, que terá lugar o xoves, 9 de maio, na sede do Consorcio da Zona Franca de Vigo. O Investor´s Day constitúe o acto de peche do programa de aceleración e pon o broche final aos doce meses de formación e asesoramento dos proxectos participantes nesta edición. Neste evento as startups darán a coñecer as súas innovadoras propostas e defenden os seus proxectos ante un recoñecido panel de investidores, fondos de investimento e potenciais socios industriais. “Este encontro promovido desde ViaGalicia constitúe a ocasión perfecta para que as startups aceleradas gañen visibilidade e alcancen novas vías de financiamento para escalar e aumentar o seu potencial de crecemento”, sinalou Regades.
Entre as propostas aceleradas nesta sétima edición destacan os proxectos que apostan pola sustentabilidade, en sintonía cos ODS da axenda 2030, como poden ser no sector de alimentación ODS Protein, Minimelis ou Vanetta Food; pero tamén sectores como o téxtil con BeFlamboyant ou Ara de Rey. As TIC e as súas aplicacións a diversos sectores seguen sendo outro dos principais referentes do programa, como o caso de ByRoomNumber, Festigaleiros, Cuotalis ou Suite ACRE. Tamén neste ámbito, cobran forza os desenvolvementos aplicábeis á automoción e á mobilidade, con proxectos como GoTrucki, Breiko Breiko ou Soul Auto. Completan esta lista, iniciativas de marcado carácter industrial como Vancubic ou Neutron Insights.
Innovación en estado puro
Segundo fixeron saber, The Way Startup Summit contará coa presenza das novas firmas máis innovadoras do noroeste peninsular, c”reando a mellor contorna para que poidan acceder aos máis de 100 investidores, business angels e family offices que participarán no evento. Nel participarán proxectos de emprendemento apoiados por Conector Startup Accelerator, Cancer Innova – Business Factory Medicines, Abanca Innova, Business Factory Food, Business Factory Aero, Business Factory Auto, High Tech Auto, Galicia Sports 360 – Factoría do Deporte Galego, ViaGalicia, Bioga, Turislab e Seedrocket.



PUBLICIDADE