9.000 euros de multa por non ocultar os múltiples destinatarios dun e-mail
mércores, 19 de outubro do 2022
Cando aprendemos a utilizar o correo electrónico un elemento
que temos que ter moi claro é o tipo de destinatario que poden ter as mensaxes,
especialmente no que respecta ás copias de carbón, que poden ser visibles ou
ocultas, pois engadir destinatarios de forma visible pode ter consecuencias
legais, como veñen de descubrir dende El Raco del Pis Inversiones, S.L.,
compañía contra a que presentaron unha reclamación ante a Axencia Española de
Protección de Datos (AEPD) por ter enviado en novembro do ano pasado un correo
electrónico «a unha pluralidade de persoas», de xeito que expuxo o enderezo de
correo electrónico do reclamante ao resto de destinatarios sen o seu
consentimento.
De terse realizado a comunicación empregando a función de copia de carbón oculta,
os distintos destinatarios non serían coñecedores da relación de receptores da
mensaxe, pero ao facerse un mal uso do correo electrónico vulnerouse o
Regulamento Xeral de Protección de Datos en dous artigos diferentes, o que levou á imposición de
sancións por valor de 6.000 e 3.000 euros, cantidades acordes ao tamaño
da empresa demandada (a sanción podería ter chegado até os 10 millóns de
euros).