O Concello da Coruña deu a coñecer este mércores o seu programa para incentivar e apoiar a posta en marcha de novas iniciativas de mercado. Trátase do programa Emprendemento Coruña, un marco de actividades común para todo o que se faga dende a cidade “a prol do estímulo e máis a promoción da actividade empresarial”. A iniciativa foi dada a coñecer polo concelleiro Alberto Lema, quen avanzou unha serie de detalles de interese sobre a mesma. Por exemplo, que se crearán espazos para o traballo en conxunto de firmas vencelladas a un mesmo sector, que haberá asesoramento e formación e axudas, e que se fará fincapé na importancia de crear firmas innovadoras, sustentables e de cariz social. Máis adiante, contémplanse esforzos complementarios para o pulo de empresas de mulleres, TIC ou de artesanías.
Para fortalecer todo isto celebraranse os días vindeiros, no viveiro Accede Papagaio, as Xornadas Impacta (esta fin de semana, o 7 e 8 de xullo, xirando arredor do emprendemendo con impacto social e economía colaborativa), as Xornadas Creactiva (o 15 e o 16 de setembro, tendo como alicerce a economía creativa, a industria cultural e os contidos dixitais) e as Xornadas Greenweekend (do 20 ao 22 de outubro, sendo o seu fío temático a economía verde). Estes bloques de traballo, que se organizan desde a concellería de Emprego e Economía Social que dirixe Alberto Lema, terán seguimento en anos vindeiros e veranse enriquecidos con outras perspectivas e enfoques, en palabras de Lema “cruciais para a nova economía, como é a das mulleres emprendedoras, a chamada economía azul (vinculada ao mar), a economía da información e as novas tecnoloxías da información (TIC), o Turismo Verde ou as artesanías.
Ao abeiro do programa Emprendemento Coruña, Lema deu conta tamén das axudas existentes para potenciar aqueles proxectos da economía social ou cooperativas que “coa súa actividade promovan a competitividade da economía local a través da innovación e o uso das tecnoloxías”, que teñan “en conta na súa xestión criterios de igualdade e de conciliación e que contribúan ao desenvolvemento dun modelo económico respectuoso co medio ambiente”. Inclúense nelas axudas a entidades asociativas empresariais sen ánimo de lucro para proxectos de promoción económica relacionadas coa innovación, a internacionalización e a economía social, cun máximo de 15.000 euros por proxecto, e as axudas a persoas emprendedoras para a creación de cooperativas e empresas (ata 5.000 euros por proxecto).
O concelleiro lembrou que o Executivo local ten abertos dous viveiros de empresas, o de Agrela, cunha ocupación aproximada do 90%, e Accede Papagaio, que anda a rentes do 50%, “cifras bastante satisfactorias á vista da súa escala”, comentou.
Xornadas Impacta
Esta mesma fin de semana celebraranse no centro Accede Papagaio as Xornadas Impacta, sobre emprendemendo con impacto social e economía colaborativa, e que está organizada por Impacta Hub, rede global de profesionais e empresas enfocada a proxectos con impacto positivo a nivel social e ambiental. O programa ábrese o venres, ás 16.30 horas, co foro sobre emprendemento con impacto e economía colaborativa, mentres que o sábado, desde as 10.00 horas e durante todo o día, terá lugar o obradoiro Impactamos Coruña: como transformar retos sociais en oportunidades.
A Coruña apoiará o emprendemento social, igualitario, sustentable e TIC
Compartir Este Artigo

