A feira IBC 2017 de Ámsterdam, que se celebra do 15 ao 19 de setembro mostrando a vangarda das tecnoloxías multimedia aplicadas á comunicación, vai ter presenza galega. Para comezar, a de catro empresas adheridas ao Clúster Audiovisual Galego: as firmas CTV, Intereuropa TV, Producciones Audiovisuales Sete Media e TV Siete Productora de Vídeo. Segundo informa o Clúster, a delegación galega acode co “obxectivo de propiciar oportunidades de negocio para o o noso audiovisual”. Máis polo miúdo, terán oportunidade de coñecer as últimas tendencias en materia de contidos e servizos dixitais, creación, xestión e provisión de contidos de lecer.
Entre as novidades deste ano, a feira IBC de Ámsterdam estrea a iniciativa Startup Forum, un espazo de presentacións e mesas redondas para que os proxectos innovadores, audiovisuais e/ou dixitais, dean a coñecer as súas propostas en materia de realidade virtual e realidade aumentada, redes sociais, tecnoloxías para anuncios, intelixencia artificial, aprendizaxe de máquinas, comercio electrónico, eSports, aplicacións móbiles, posicionamento web ou optimización de conversión ou seguridade.
A feira IBC, como lembraremos, é un clásico para as nosas firmas do ámbito TIC e do audiovisual. En anteriores ocasións teñen amosado nela tecnoloxía vangarda compañías galegas referenciais como EGATEL (mostrando recursos de eficiencia enerxética), CINFO (solucións avanzadas de vídeo na nube) ou ITELSIS (exhibindo tecnoloxías para o ámbito da TDT).
A feira IBC 2017 terá novamente sabor galego
Compartir Este Artigo

