O Pazo de Vilamarín, emprazado no concello do mesmo nome, acolleu onte a primeira das tres sesións prácticas incluídas no curso oficial homologado para pilotos de drons en situación de emerxencia, organizado pola Deputación de Ourense en colaboración coa empresa Aerocámaras. A apertura do obradoiro, segundo a entidade provincial o primeiro das súas características que se desenvolve no eido estatal, contou coa presenza do presidente do Consorcio Provincial de Ourense para o servizo contra Incendios e de Salvamento e deputado provincial, Pablo Pérez. O simulacro consistiu no achado dunha persoa ferida nos arredores do pazo. Para a localización só se empregaron quince minutos, o que se conseguiu, segundo a Deputación, grazas “á máxima coordinación cos equipos de rescate e sanitarios”.
O parque comarcal de bombeiros do Carballiño e o encoro das Conchas, no Concello de Muíños, serán os escenarios das seguintes prácticas, a realizar hoxe e mañá. Segundo Pablo Pérez, o adestramento en drons e o espallamento destes no territorio galego resulta nestes tempos de máxima relevancia, e máis tendo en conta as repetidas vagas de lumes que nos afectan: “A aplicación desta tecnoloxía en situacións de emerxencia ten se cabe aínda máis importancia polo uso que se lle pode dar, por exemplo, á hora de perimetrar un incendio ou advertir da proximidade do lume a zonas poboadas”, sinalou, engadindo que “a busca de persoas desaparecidas ou vítimas entre cascallos de vivendas ou edificios son outras das posibilidades que ofrece o uso dos drons nas emerxencias”.
Pérez salientou ademais que na sesión práctica deste venres presentarase unha aeronave híbrida, que utiliza electricidade e gasolina, “o que permitirá aumentar a autonomía de acción destes aparellos en ata catro horas”. Por certo que deste dron híbrido de Aerocámaras, AeroHybrix, falamos polo miúdo os días pasados dende Código Cero, salientando a súa autonomía (a maior do mercado) e o feito de boa parte do mesmo fose desenvolvido por enxeñeiros da nosa terra.
Segundo engadiu a Deputación, o curso (no que participan vinte profesionais e voluntarios de emerxencias) tamén facilitará a creación no parque comarcal do Carballiño dunha unidade de pilotos especialistas en situación de emerxencia para atender a toda a provincia.
O Pazo de Vilamarín acolleu un simulacro de rescate con drons
Compartir Este Artigo

