Este mércores iniciouse oficialmente o proceso de disolución da Fundación TIC da Deputación de Lugo e a da integración do seu equipo humano e das liñas de actividade no seo do organismo provincial. Así o fixo saber o presidente da Fundación TIC e da Deputación, Darío Campos, quen decidiu incluír a cuestión na orde do día do padroado da Fundación TIC, celebrado esta tarde para aprobar o seu orzamento, un presuposto que xa acubillaba cambios motivados polo devandito acordo de disolución. Segundo engadiu Campos Conde, o primeiro paso será a aprobación por parte do padroado da modificación dos estatutos da TIC; o segundo corresponderá á Xunta de Galicia, que deberá aceptar este cambio nos estatutos. Para rematar, a Corporación provincial tamén terá que aprobar no pleno a subrogación, por parte da Deputación, tanto do persoal como da actividade da TIC.
O Presidente incluíu este asunto na orde do día do padroado no que se aprobou o presuposto para 2018. Este ascende a 1.651.290 euros, baixando nun 8% debido “á falta de encomenda de xestión do InLugo, que irá asumindo directamente a Deputación”. Segundo se fixo saber, no orzamento provincial incluiranse os fondos necesarios para continuar coas actividades de fomento da autonomía e envellecemento activo a través das TIC para maiores, nas que cada ano participan milleiros de lucenses de toda a provincia, sendo, en palabras da Deputación, un éxito de participación e seguimento.
O presidente da Deputación engadiu que a TIC manterá e reforzará no 2018 as liñas de actuación que está a levar a cabo nos últimos exercicios: garantir un ensino de calidade na Escola de Imaxe e Son; contribuír á promoción da provincia a través da cooperación cos Concellos; e reforzar o labor social co apoio á rede asociativa. Tamén continuará coas actividades para maiores ata avanzar na integración da TIC na Deputación, “garantindo, deste xeito, que esta programación non cese”.
Formación referencial
A TIC impulsará as actividades destinadas a manter a calidade da formación da EIS, incidindo “nas prácticas en escenarios reais e no contacto directo con profesionais de prestixio do sector audiovisual”. Ademais, a igualdade de oportunidades volverá ser “un dos obxectivos da entidade”. Nesta liña, a Fundación manterá a gratuidade da matrícula por undécimo ano consecutivo para que os mozos e mozas lucenses interesados nos ciclos de realización e produción poidan estudar na EIS, con independencia do poder adquisitivo das súas familias.
Labor social
Segundo se fixo saber hoxe, outra das prioridades da TIC seguirá a ser o seu labor social. Por unha banda, a través do apoio ao tecido asociativo da provincia (este intre hai asinados convenios de colaboración con preto de 180 entidades sociais, culturais, deportivas e veciñais, para a realización de audiovisuais que contribúan a difundir as actividades destas entidades). Por outra banda, este labor tamén se reflectirá nas actividades destinadas a promover o envellecemento activo dos maiores da provincia a través das novas tecnoloxías.
A Deputación de Lugo inicia a integración no seu seo do persoal e actividade da Fundación TIC
Compartir Este Artigo

