Philippe Colombet, director de Relacións Estratéxicas, Noticias e Editores de Google (para Europa e Medio Oriente de África), estará os días 18 e 20 de decembro no Máster en Produción Xornalística e Audiovisual (MPXA), para ofrecer unha clase maxistral sobre a actividade desenvolvida polo xigante de Internet con editores de toda Europa. O obxectivo desta actividade non é outro que ofrecer, xuntando forzas, un xornalismo serio, contrastado e de produción propia. Como lembraremos, o dito máster é un título propio da Universidade da Coruña organizado pola Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre e a Fundación Amancio Ortega. Colombet, amais de falar das oportunidades que brindan as redes para facer avanzar a comunicación, valorará os proxectos do alumnado da especialidade de Xornalismo Avanzado Multiplataforma.
Máis en concreto, o labor de Colombet ao abeiro do MPXA terá varias vertentes. Na sesión do luns, Colombet impartirá a devandita clase maxistral, debullando os obxectivos de proxectos periodísticos de Google como DNI (Iniciativa para Noticias Dixitais), que achega un total de 150 millóns de euros para proxectos de innovación no sector do xornalismo en Europa, e que dá apoio a proxectos como RADAR, unha plataforma que desenvolverán La Voz de Galicia, Henneo e outros 22 xornais de España.
O mércores 20, os alumnos da especialidade en Xornalismo Avanzado Multiplataforma expoñerán ante o executivo de Google os proxectos nos que traballarán durante este curso, asesorados por un equipo de titores. Propostas como por exemplo unha idea de branded content xornalístico ou unha iniciativa para reportaxes de investigación long-form.
Para quen non o saiba, Philippe Colombet é o responsable da iniciativa DNI en España, Francia e Italia. Foi un dos deseñadores do DNI Innovation Fund (lanzado no ano 2015), e, anteriormente, dirixiu o departamento de Medida de Audiencia e Anuncios do xigante da Internet.
Philippe Colombet mostrará na Coruña o traballo de Google a prol do xornalismo de calidade
Compartir Este Artigo

