A nova aplicación achegada pola entidade Arousa Norte (Mancomunidade de Municipios integrada polos Concellos de Ribeira, Pobra do Caramiñal, Boiro e Rianxo) é unha aplicación móbil e unha plataforma OfiTur Online que permite unificar a xestión de múltiples oficinas de turismo, automatizando o envío de información estatística e informes sobre visitantes, procedencias, duración, actividades, etc. A app en cuestión está dispoñible xa para móbiles con sistemas Android.
Conta con dous módulos principais: Enquisas de visitantes e Informes. Dende o punto de vista tecnolóxico, trátase dunha plataforma web en liña, accesible a través de calquera navegador de Internet, o que segundo os seus creadores facilita a súa instalación e implantación, mantemento e despregue a múltiples oficinas de turismo, e unha app de enquisas para dispositivos móbiles Android.
A ferramenta de xestión de Oficinas de Turismo ofrece a posibilidade de cubrir enquisas de recollida de datos de aquelas persoas que se achegan a oficina na procura de información e, por outra banda, proporciona o resultado da análise dos datos introducidos en forma de táboas e gráficas.
Respecto dos elementos (tanto de hardware como de software) precisos para a implantación da plataforma en sete oficinas de turismo e un centro de xestión unificado, son os que detallamos a continuación.
En materia de acceso á app, este faise mediante un navegador a través dunha URL onde está aloxada a aplicación. A plataforma estará acubillada nun aloxamento en liña proporcionado pola empresa AVA. O acceso a aplicación está restrinxido aos usuarios rexistrados que accederán introducindo o seu nome de usuario e o correspondente contrasinal.
A pantalla de inicio pode personalizarse con fin de integrar a imaxe corporativa e os logotipos correspondentes segundo o caso. Esta pantalla contén os accesos directos as funcionalidades máis utilizadas.
Estas funcionalidades inclúen, na parte superior dereita da pantalla, o nome de usuario (que está sempre á vista e que nos permite saber quen está empregando a aplicación), o cambio de contrasinal e o remate da sesión (posibilidade de finalizarmos o traballo que estamos a desenvolver en liña, ceibando as conexións e deixando libre o equipo para ser empregado por outro usuario). Polo que respecta á parte central da pantalla (a xeito de botóns para premer), están habilitadas as seccións de Enquisas (que nos leva á parte de xestión dos cuestionarios que comprende a listaxe de enquisas de recollida de datos), de Informe diario (sección na que podemos ver, imprimir ou exportar a un documento Excel un informe de resultados da análise da información recollida nos cuestionarios entre dúas datas a escoller) e de Informes (este apartado permite consultar, imprimir e exportar os resultados das enquisas, podendo ser filtrados os datos obtidos de xeito sinxelo e combinado; os datos resultantes preséntanse en táboas e gráficas).
Polo que respecta á aplicación de enquisas, dende a pantalla principal da app accedemos ao cuestionario para que poder recoller os datos das visitas dos turistas. Para esta ferramenta móbil son precisas tabletas móbiles de 9,7 polgadas ou 10 polgadas co sistema operativo Android. O centro de xestión de datos unificado de OfiTur Online require de calquera equipo informático PC, portátil, tableta ou móbil con conexión a Internet. Incorpórase ademais o aloxamento web preciso para o correcto funcionamento da aplicación e almacenamento dos datos das enquisas nunha base de datos online.
Arousa Norte crea, instala e pon en marcha unha plataforma en liña de xestión unificada de oficinas de turismo
Compartir Este Artigo

