Fene acolleu os días pasados a presentación dun proxecto para pór en valor o mar e máis a estreita relación co mar da veciñanza do concello, directamente (as/os profesionais da pesca e o marisqueo) e indirectamente (todos os demais sectores produtivos e ámbitos sociais). O proxecto Fene, mar vivo foi posto en marcha, en palabras da Confraría e do Concello, para amosar ao mundo “a nosa grande actividade de lecer, gastronomía e cultura, moita dela ligada ao noso mar”. A iniciativa, segundo se fixo na súa presentación, na que participou a empresa TIC Abertal (encargada da dar forma á ampla vertente dixital do proxecto), abranguerá a creación dunha aula itinerante (na que os mariñeiros locais explicarán aos escolares cales os principais produtos do mar e con que artes se collen) e unha serie de eventos (sete) a desenvolver ao longo de todo ano.
Tamén haberá xeiras de asesoramento, accións formativas (individualizadas e colectivas) e un escaparate web onde se reflectirá toda a actividade municipal ao abeiro da proposta.
Fene, mar vivo vén da man do Concello e da Confraría de Pescadores de Barallobre, contando coa colaboración do Galp Golfo Ártabro. O proxecto está financiado polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca e a Xunta de Galicia, e alongarase ata outubro do 2018 dando acubillo, amais de todo o devandito, á creación de produtos turísticos e ao impulso conxunto de actividades que divulguen e protexan o patrimonio pesqueiro do concello e o seu litoral. Tamén se dará forma a un microdestino con accións de dinamización con entidades da hostalaría ou comercio.
Fene impulsará na Rede a súa tradición mariñeira
Compartir Este Artigo

