Tras ter que suspender os rexistros en Twitter Blue tras unha vaga de suplantacións de identidade con catastróficas consecuencias, Elon Musk anunciou que as subscricións ao servizo de pagamento recuperaríase o 29 de novembro, para garantir un bo funcionamento do sistema, anunciando despois que a reactivación adiaríase ata o vindeiro venres, con selos de verificado de cores (dourado para empresas, gris para entidades gobernamentais e azuis para particulares), pero tras declarar a guerra a Apple, non parece que haxa unha data definitiva para o relanzamento, xa que agora Twitter quere evitar as comisións do 30% nos pagamentos dentro das aplicacións para iPhone.
Resulta bastante difícil de explicar como Musk se decata agora de que existen comisións na App Store, cando é precisamente o modelo de negocio da plataforma dende a súa presentación en 2008, sendo especialmente rechamante que agora o multimillonario sudafricano critique a Apple cando foi decisión súa que a contratación do novo Twitter Blue fose exclusiva do iPhone, pois xa estaba establecido un mecanismo previo para a contratación vía web (libre das comisións de Apple).
Twitter quere manter a confianza
Neste contexto tan enrarecido no blog oficial da compañía publican unha entrada para defender os pasos que están a dar para facer realidade o que dan en chamar Twitter 2.0, no que lanzan basicamente unha chamada de tranquilidade aos anunciantes, sostendo que os obxectivos e as normas de Twitter non mudaron nas últimas semanas e insistindo en que traballan na loita contra os contidos que violan as súas normas, á vez que pretenden xustificar os seus erros ao explorar novos camiños. Por desgraza, a mensaxe publicada non parece axustarse en absoluto á realidade, ao terse reducido drasticamente os recursos para a moderación de contido e incluso realizar indultos a contas suspendidas permanentemente (vulnerando as normas de Twitter).
