En 2020 a Administración Trump aprobou ordes executivas para bloquear WeChat e TikTok que nunca chegaron a executarse, e que finalmente foron anuladas por Joe Biden, pero a desconfianza sobre o uso de datos persoais de mozos estadounidenses por parte do Partido Comunista Chinés e o feito de que TikTok poida empregarse para manipular á opinión pública segue a ser unha importante preocupación, así como o feito de que a propia ferramenta poida servir para a espionaxe, de aí que estean a aprobar a prohibición da instalación da aplicación de TikTok na meirande parte de dispositivos subministrados polo goberno federal a partir de mediados de febreiro.
Aínda que haberá excepcións (por exemplo o persoal electo ou o equipo dos congresistas), a esta prohibición habería que sumar a aprobada pola Cámara de Representantes e a de varios estados (como Georgia, Dakota do Sur, Maryland e Texas), que tampouco permitirán o uso de TikTok nos seus dispositivos, no que semella unha fronte aberta contra ByteDance por parte dos EE.UU.
Estas medidas chegan nun momento no que o propio director do FBI recoñece o perigo de que China poida empregar datos recollidos por TikTok, e tamén saíu á luz que ByteDance tivo que despedir a 4 empregados (2 nos EE.UU. e 2 en China) por acceder a datos de TikTok de xornalistas estadounidenses (dos que estarían tentando conseguir información para localizar ás súas fontes).
Parece pouco probable que vaian bloquear o acceso xeral a TikTok nos EE.UU. (pois prexudicarían a toda unha industria desenvolvida ao redor da plataforma) pero resulta evidente que si adoptarán medidas que deixen claro que a plataforma social nacida en China non é merecedora da confianza dos estadounidenses.
Prohiben TikTok en boa parte dos dispositivos móbiles do goberno federal estadounidense
Compartir Este Artigo
