Biden anula as ordes executivas de Trump contra TikTok e WeChat

mércores, 9 de xuño do 2021 Marcus Fernández

O pasado agosto a Administración Trump aprobou ordes executivas para bloquear WeChat e TikTok dentro dunha serie de medidas que podiamos entender dentro da guerra comercial entre os EE.UU. e China, pero a oposición a estas medidas, que afectaban seriamente dereitos fundamentais de cidadáns estadounidenses ao limitar as súas comunicacións e incluso prexudicar ás súas actividades económicas levou a que as ordes executivas non chegasen a facerse efectivas, e finalmente hoxe o novo presidente, Joe Biden, derrogounas dentro dunha nova orde executiva destinada a protexer os datos dos estadounidenses «de adversarios estranxeiros».
A nova orde executiva recoñece a ameaza existente polo manexo de datos dos cidadáns americanos por parte de países que recoñecen como adversarios en múltiples eidos, de aí que emprendan toda unha serie de medidas para evitar que datos sensibles como poden ser datos que permitan a identificación persoal, información da saúde ou información xenética poida chegar a caer en malas mans.
Entre as medidas a adoptar están a esixencia de que os servizos informáticos que consideren críticos deberán ofrecerse completamente dende os EE.UU., aínda que haberá que agardar a que este tipo de restricións se vexan reflectidas nos pertinentes regulamentos.
Podemos entender que o que aprobou hoxe Biden é liberar a TikTok e WeChat dunhas ordes executivas imposibles de levar á práctica e rebaixar as aspiracións iniciais para limitarse a ter a estes servizos en liña baixo vixilancia.

PUBLICIDADE