
O Centro Europeo de Astronomía Espacial (ESAC), situado en Villanueva de la Cañada (Madrid), acolleu hoxe o acto oficial de lanzamento e firma de contratos da fase de consolidación das actividades de mitigación de riscos IRIS² Low-LEO da Axencia Espacial Europea (ESA), dentro do Programa de Conectividade Segura da Unión Europea. Neste marco, a firma galega Alén Space participa en tres proxectos estratéxicos: ARGUS, Poseidon e LYRA.
O evento representa un fito clave para a industria espacial europea, sinalou a empresa viguesa, engadindo que “ao reunir a empresas líderes do sector para marcar o inicio oficial de actividades deseñadas para impulsar o futuro da tecnoloxía LEO (órbita terrestre baixa) e como apoio do programa europeo IRIS²”.
A xornada tamén serviu para establecer follas de roteiro do proxecto, definir obxectivos técnicos e formalizar acordos dentro dunha iniciativa que involucra a varios consorcios europeos orientados ao desenvolvemento de conceptos de misión preoperacionais e solucións de mitigación de riscos.
Nestas iniciativas, a compañía galega achega capacidades de enxeñería, hardware especializado e experiencia en integración de misións.
En ARGUS, un concepto de misión preoperacional liderado por GMV en colaboración con Alén Space e Arcsec, o proxecto combina monitoraxe de radiofrecuencia (RF), detección de interferencias e coñecemento da contorna espacial, mediante unha constelación distribuída de pequenos satélites, sentando as bases para futuros servizos gobernamentais baixo IRIS².
ARGUS prevé unha constelación de ata cinco CubeSats 16U equipados con cargas útiles de seguimento do espectro e capacidades de observación óptica baseadas en avanzados rastrexadores de estrelas (star trackers). Alén Space sinala que “as cargas útiles de radiofrecuencia permitirían a detección e caracterización de interferencias, abranguendo tanto a xeolocalización dos emisores como os propios emisores en órbita”. Como complemento a estas capacidades, os sensores ópticos detectarían e realizarían un seguimento de obxectos espaciais, satélites e lixo espacial.
O concepto tamén se apoia nunha arquitectura federada, na que os datos recolleitos polos distintos satélites combinaríanse en terra mediante técnicas avanzadas de procesamento e fusión de datos. “Este enfoque busca xerar produtos de maior valor para os usuarios e apoiar unha evolución gradual cara a unha infraestrutura europea de vixilancia espacial interoperable e compatible con IRIS²”, apunta Alén Space, que neste proxecto achega o vínculo crítico entre os conceptos de servizos de monitoraxe de radiofrecuencia e a súa implementación eficiente en plataformas espaciais áxiles. Baixo a arquitectura de misión proposta, o papel da compañía abranguería o deseño e fabricación de ata cinco CubeSats 16U, así como o desenvolvemento da carga útil de radio definida por software para monitoraxe de radiofrecuencias. Alén Space tamén achegaría o seu software de control de misión (MCS) para apoiar as operacións do segmento terreo. O proxecto baséase na experiencia da compañía en misións de desenvolvemento rápido e tecnoloxías probadas en voo.

Alén Space e GMV tamén participan en Poseidon, liderado por OHB Italia como contratista principal, como parte dun consorcio industrial europeo centrado no desenvolvemento de servizos satelitais para a vixilancia, a seguridade e a resiliencia marítimas. O proxecto integra VDES, incluíndo seguimento de embarcacións mediante AIS e comunicacións bidireccionais de banda estreita, xunto con observación visible e térmica, e coñecemento da contorna de radiofrecuencia. Poseidon utiliza a conectividade segura de IRIS² como servizo de retransmisión de datos espaciais (Space Data Relay Service) para apoiar a monitoraxe case en tempo real de casos de uso críticos no ámbito marítimo, como detección de embarcacións non identificadas, pesca ilegal, non declarada e non regulamentada (IUU), operacións de procura e rescate, e protección de infraestruturas en alta mar.
En LYRA, Alén Space traballa como socio tecnolóxico nun consorcio coordinado por SpaceLocker e no que tamén participan WiRan e Leaf Space. O proxecto ten como obxectivo definir unha solución que proporcione maior conectividade a usuarios finais que operan satélites LEO previstos ou xa existentes, tanto de operadores gobernamentais como comerciais. O concepto de LYRA baséase nunha carga útil de retransmisión que actuaría, desde a perspectiva dos sistemas de control de misión dos usuarios, como unha estación terrea adicional situada no espazo. Este enfoque está pensado para integrarse nos fluxos de traballo existentes de predición de contactos, reserva de xanelas de comunicación e operacións, proporcionando oportunidades adicionais de contacto seguro e de baixa latencia máis aló da visibilidade das estacións terreas.
Dentro de LYRA, Alén Space lidera o traballo centrado na definición da arquitectura RF da carga útil e na confirmación das interfaces e a compatibilidade cos satélites dos usuarios finais. A compañía tamén apoia o resto do consorcio noutros paquetes de traballo.
Construíndo o futuro da órbita terrestre baixa
Alén Space sinala que “a nosa participación na Fase de Consolidación Low-LEO da ESA pon de relevo a flexibilidade técnica da compañía e a súa capacidade para abordar requisitos de misión complexos en órbita terrestre baixa (LEO)”.
Mediante a combinación de hardware especializado, software de misión e servizos de enxeñería, Alén Space continúa traballando estreitamente con socios industriais líderes para apoiar o desenvolvemento de solucións espaciais avanzadas para Europa.
“Participar nestes tres proxectos supón unha importante oportunidade para achegar a nosa experiencia a iniciativas estreitamente aliñadas coa futura infraestrutura espacial de Europa”, sinalou Guillermo Lamelas, CEO de Alén Space, engadindo que “Poseidon, ARGUS e LYRA responden a necesidades de misión diferentes, pero comparten un obxectivo común: avanzar no desenvolvemento de capacidades fiables e resilientes para a órbita terrestre baixa”.
“As necesidades de conectividade de Europa están a evolucionar, e tamén debe facelo a infraestrutura espacial que as apoia. A través de Low-LEO, a ESA está a explorar novas capacidades e formas de responder a esas necesidades, contribuíndo a que IRIS² poida evolucionar cara a un sistema con maior marxe de adaptación e evolución, resiliente e preparado para o futuro. Este é un paso importante para reforzar a conectividade segura de Europa nos próximos anos, e agardamos traballar man a man coa Comisión Europea e a industria europea para converter esta ambición en capacidades concretas e ofrecer a conectividade segura que Europa necesitará no futuro”, afirmou Laurent Jaffart, director de Resiliencia, Navegación e Conectividade da ESA.

