
Mundos Dixitais, un cruzamento entre congreso, feira de presentacións e obradoiro, conta entre os seus apoios principais co patrocinio da Secretaría Xeral de Medios, a Fundación Caixa Galicia e a Universidade da Coruña. O programa abrangue ademais encontros profesionais dirixidos a establecer contactos entre os creadores e os responsables de levar a cabo a fichaxe deses creadores para os máis diversos proxectos.
O encontro, que xa ten a web a pleno rendemento (malia non incluírse nela versión en galego, cousa que agardamos se solucione), contará coa presenza de compañías de fonda e ampla experiencia nas aplicacións audiovisuais do dixital, é o caso de Studio A2T, Fabricators ou Placebo Effects. A xuntanza abrirase o día 7 cunha sesión orientada na arquitectura dixital, sendo os responables de ARUP e Studio A27 os encargados da apertura. Polo que respecta á participación galega, cómpre subliñar que está programado dar acubillo aos membros do equipo de O Apóstolo, a primeira longa en tecnoloxía stop-motion que se fai dende a nosa terra e que ten prevista a estrea oficial o vindeiro 17 de xullo en Santiago de Compostela. Tamén pasarán por Mundos Dixitais os responsables do selo Dygra.
Mundos Dixitais contará cos responsables técnicos de Avatar, Iron Man 2 ou O Apóstolo
Compartir Este Artigo
