
Segundo expresaron, este baleiro regulamentario está a provocar continuos prexuízos e abusos tanto aos cidadáns como ás empresas, “que se atopan ademais indefensos fronte a eles dada a absoluta ausencia de normativa legal respecto diso, acorde con o uso actual da informática tanto a nivel persoal como empresarial e social en xeral”.
Deste xeito, os profesionais da enxeñaría informática e enxeñaría técnica en informática representados por CCII e CONCITI propuxeron ao Consello de Estado unha análise fonda e rigorosa da “anormal situación regulamentaria das actividades e servizos informáticos, e as profesións asociadas, para iniciar a súa corrección normativa, sobre todo aproveitando a tramitación do anteproxecto de Lei de Servizos e Colexios Profesionais”. Esta Lei, din, debe por forza revisar e actualizar as actividades e servizos de todas as profesións (sanitarias, xudiciais, enxeñarías, etc.).
Informan tamén que a incidencia da informática é seguramente o eido que máis require de actualización nesta norma, “non só pola súa transcendencia cada vez maior en todas as actividades sociais ou económicas, senón porque o actual escenario de non regulación é a maior ameaza á seguridade física e xurídica tanto presente como futura”. Estas carencias e estes riscos, apuntan, fan máis urxente ca nunca que os lexisladores se ocupen activamente e o máis axiña posible desta materia. A xuízo dos integrantes dos dous consellos estatais, son continuos os casos revelados polos medios informativos sobre abusos e ataques á seguridade informática. Este medre nas tentativas de fraude con alicerce TI está por outra banda constatado nos informes das forzas e corpos de seguridade, polo que o toque de alarma definitivo sobre a cuestión está máis que xustificado, engaden.
Jacinto Canales, presidente do CCII sinalou a este respecto que “unha cousa son os abusos e prexuízos coñecidos e outra cousa son os reais, dado que os delincuentes informáticos perseguen en primeiro lugar pasar inadvertidos para continuar empregando as vulnerabilidades en longos períodos de tempo e sen que os cidadáns e empresas afectados sexan conscientes diso”. Canales engadiu que “a enxeñaría informática é unha gran oportunidade para a economía española, non só do sector TIC senón para a competitividade de todas as nosas empresas, polo que é máis importante ca nunca que os representantes políticos comprendan que a informática é un tren de emprego e medre que España non debera deixar pasar”.
Pola súa banda, o galego Marcos Mata, presidente do CONCITI (e tamén do noso Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia, CPETIG), fai saber que esta regulación que os profesionais veñen demandando dende hai tempo non é senón “un proceso de normalización que corrixa a situación incomprensible na que se atopan as Enxeñarías en Informática”. Esta foi a mensaxe que se lles trasladou dende os consellos aos diferentes ministerios ao longo dos últimos anos, e en datas recentes a través das alegacións achegadas ante o Ministerio de Economía e no trámite de Audiencia do Consello de Estado, á vista do último texto de anteproxecto de Lei.
Amais de todo o devandito, Canales e Mata engadiron quen agardan que esta audiencia do Consello de Estado axude a amañar “a situación preocupante da informática”, tanto pola súa importancia actual e futura como polo “anormal tratamento respecto ao resto das enxeñeiras”, discriminación por cuxa corrección levan loitando durante meses (tal e como fixemos saber dende Código Cero en repetidas ocasións, reflectindo a loita conxunta galega ou as accións da fronte estatal). A maiores, os consellos xerais lembran que xa en 2008 aprobáronse diferentes resolucións en Congreso e Senado para desenvolver a normativa regulamentaria da informática, polo que consideran que a tramitación do anteproxecto de Lei de Servizos e Colexios Profesionais é o intre de converter as ditas resolucións en acción lexislativa e de goberno.
Os profesionais redobran esforzos na procura da regulación da Informática a nivel estatal
Compartir Este Artigo
