Tal e como avanzamos a pasada primavera con motivo do paso máis que memorable de Trendon.me por Startup Pirates Ourense, a plataforma global de moda posta en marcha polas galegas Nuria Iglesias e Ángela González, trasladouse finalmente a un dos niños da preincubadora universitaria do Campus de Ourense, Piuvi-Ou Tecnópole, onde estará durante todo un ano. Nesta web atópase “un espazo para adictos ás últimas tendencias, blogueiros, deseñadores emerxentes e tendas, unha especie de ecosistema onde todos eles poidan comunicarse e vender os seus produtos”.

Coa rede social disposta, o seguinte paso é como tirar proveito económico desta proposta. A resposta está en incluír ás tendas: “En Ourense hai unha paixón por mercar nas tendas de barrio, así que baixei á rúa a ver que produtos diferentes ofrecían e que necesidades tiñan. Moitas vendían a través das redes sociais porque manter unha web non é economicamente viable e moitas veces non dá o alcance que se pretende”, explica Iglesias, quen decidiu achegar ás tendas un espazo dentro da plataforma, onde “teñen un perfil propio no que incorporar os seus produtos, ademais de poder vender directamente dende a nosa tenda en liña”.
Outra das faces de Trendon.me é que conta cun espazo para os blogueiros, os “promotores por excelencia”, nos que os profesionais da moda poden “compartir estilos e servir de transmisor da trastenda á xente da rúa”; por outra, os novos deseñadores, que “queren colocar as súas creacións pero moitas veces non teñen medios económicos para facelo, as páxinas web esíxenlles unhas marxes moi grandes…”.
Asemade, esta plataforma serve para interconectar servizos, poñer a todos os actores en contacto e ofrecerlles un “beneficio mutuo” e conta coa axuda dun asesor tecnolóxico, Miguel Gesteiro, que está a desenvolver a web final de Trendon.me.
A plataforma de moda Trendon.me instálase na Tecnópole ao longo dun ano
Compartir Este Artigo
