O proxecto Trend on me impúxose en Startup Pirates Ourense

martes, 13 de maio do 2014 Fernando Sarasketa

Finalmente chegou ao seu remate a nova andaina do programa Startup Pirates, edición galega. Falamos de Startup Pirates Ourense (logo de Startup Pirates Vigo, que foi a primeira entrega galega), unha iniciativa que se desenvolveu até o 10 de maio e que se dirixiu en boa medida a fomentar o emprendemento social, é dicir, a posta en marcha dun negocio de tecnoloxía que non só xere beneficios para quen o xestiona, senón que ademais poida ter un retorno na sociedade. Ou sexa, tecnoloxía que xere máis coñecemento e tecnoloxía. Nisto encaixaba en boa medida o proxecto Trend on me, que foi o gañador do certame, sobre todo polo seu compoñente universalizador de servizos 2.0.
Trend on me, impulsado por Nuria Iglesias (enxeñeira industrial), Ángela González (estudante de administración de empresas), Begoña Mera (deseñadora de moda) e José Barros (enxeñeiro en telecomunicacións), foi o gañador absoluto da edición ourensá do Startup Pirates, iniciativa que contou co patrocinio da Confederación Empresarial de Ourense, ademais doutras entidades e empresas, como Dinahosting ou a Tecnópole, por poñer uns exemplos. A iniciativa en cuestión, segundo fixeron saber as súas responsábeis, pon en xogo unha plataforma tecnolóxica que é quen de fornecer ao deseñadores e establecementos de téxtil e moda espazos visíbeis e de referencia en Internet, contando coa posibilidade de ter unha comunidade de seu, específica. A idea básica é facilitar espazos de actividade onde os visitantes poidan mercar, buscar e compartir todo tipo de produtos do sector téxtil. O proxecto ten opción para ser desenvolvido ao longo dos vindeiros meses no espazo de coworking da Tecnópole, tal e como avanzamos hai unhas semanas dende Código Cero.
Na categoría de innovación social, a proposta gañadora foi Proxecto FX, desenvolvido por Ana González (educadora) e Alberto Álvarez (enxeñeiro técnico industrial). Trátase dun proxecto de empresa social dirixido a contrarrestar e combater o desemprego entre a mocidade a través da posta en marcha de obradoiros de robótica educativa, entre outras tecnoloxías de simulación ou intelixencia artificial.

PUBLICIDADE