A iniciativa de Google para acelerar a carga de páxinas web no móbil coas Accelerated Mobile Pages (AMP) comeza a entrar na súa fase práctica, de xeito que tras coordinarse con centos de editores de contidos na web, comezan a aplicar esta tecnoloxía nas buscas de páxinas web dende o móbil, de xeito que cando atopemos en Google un artigo relevante sobre unha información destacada que estea dispoñible mediante AMP, destacarase que a páxina web fai uso desta tecnoloxía, e facilitarase a súa carga rápida no móbil a unha velocidade ata 4 veces máis rápida e consumindo a décima parte de datos.
Estamos así ante unha tecnoloxía que reduce os contidos que se amosan no móbil para minimizar o impacto da súa carga, de xeito que o usuario tería a impresión dunha carga case instantánea, o que resulta especialmente atractivo para o consumo de novas. Amais, dende Google facilitarán que unha vez que se acceda dende o móbil ás historias destacadas nos resultados de busca, o usuario poida moverse rapidamente entre as mesmas, podendo incluso saltar dunha nova a outra con só facer un xesto lateral.
O interese dos medios de comunicación en ofrecer os seus contidos empregando esta tecnoloxía é algo bastante discutible xa que as páxinas aceleradas carecen da carga publicitaria que teñen as páxinas ordinarias, e incrementan o control de Google sobre o acceso á información, de xeito que a promesa de carga rápida no móbil semella unha desculpa para que Google poida primar nos resultados de busca a páxinas web que se someten a este proxecto que parece querer evitar que Facebook consiga unha posición de dominante no sector das novas grazas aos seus artigos instantáneos.
Google comeza a amosar páxinas web que usan AMP nos resultados de busca
Compartir Este Artigo
