Os artigos instantáneos de Facebook abriranse a todos os editores en abril

mércores, 17 de febreiro do 2016 Marcus Fernández

O plan de Facebook para integrar os contidos de medios de comunicación cun formato optimizado para dispositivos móbiles continúa adiante con forza, e os chamados Instant Articles, que primeiro probaron en iOS e o pasado decembro chegaron a Android, e agora anuncian que esta plataforma vai deixar de ser un experimento limitado a un pequeno grupo de partners para abrirse a todos os editores do mundo nun par de meses.
Concretamente anuncian que o 12 de abril, dentro do congreso F8, facilitarán que calquera medio que o desexe poida empregar Facebook para achegar os seus contidos enriquecidos con elementos multimedia e adaptados a aplicacións móbiles, achegándose aos usuarios de Facebook e ofrecendo un formato atractivo de consumir, á vez que gozarán dunha plataforma publicitaria perfectamente integrada coa que compartirán ingresos medios e Facebook (aínda que tamén poderán vender directamente os espazos publicitarios sen compartir os ingresos), o que algúns ven como un xeito de evitar os cada vez máis empregados bloqueadores de publicidade.
Para que os medios interesados en aproveitar esta plataforma poidan comezar a prepararse para a mesma xa está dispoñible a súa documentación técnica, de xeito que poderán introducirse neste formato de edición para poder empregalo tan pronto estea dispoñible.

Os contidos nos artigos instantáneos están adaptados para o seu consumo dentro da aplicación móbil de Facebook

PUBLICIDADE