O vindeiro 13 de decembro as dependencias na Coruña da compañía Everis abren as súas portas aos estudantes de licenciatura e máster da Facultade de Informática da Coruña (FIC). No transcurso da visita, as mozas e mozos participantes na mesma poderán coñecer polo miúdo os proxectos que ten en activo a devandita consultora española de novas tecnoloxías, amais das experiencias concretas dos ex-alumnos da FIC que desenvolven o seu labor profesional na dita compañía.
A actividade incluirá unha charla informal con estes ex-alumnos (Alejandro Segade, Laura Montes e David Vellé) na que os estudantes poderán transmitirlles todas as súas dúbidas e inquedanzas sobre Everis, sobre o mundo da consultora tecnolóxica ou sobre o futuro profesional que se lles ofrece. A cita será nas oficinas de Everis no número 36 da rúa Enrique Mariñas.
A visita a Everis, empresa da que falamos recentemente para salientar o potencial do seu traballo con Gradiant en materia de eSaúde (a través do centro eJKC de Santiago, dende o que se impulsan tecnoloxías avanzadas de atención médica personalizada), terá con toda seguridade unha especial relevancia para os estudantes participantes, entre outras cousas pola importante actividade actual de Everis en materia de contratación: recentemente anunciou que vai contratar ao longo de 2017 uns 30 novos profesionais para a súa sede da Coruña, o 80% dos cales serán licenciadas/os en Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC). A porcentaxe restante corresponderá a profesionais “con experiencia especializadas/os en tecnoloxías máis innovadoras”. A día de hoxe, Everis acubilla nas súas instalacións da Coruña unha equipa de máis de dous centenares de consultores.
Everis amosará a súa actividade perante os estudantes da FIC
Compartir Este Artigo

