O Colexio Profesional de Enxeñaría e Informática de Galicia (CPEIG), celebra este 2017 dez anos de “vida”, nas súas palabras “unha década de traballo en defensa da profesión e ao servizo das persoas colexiadas e da Sociedade do Coñecemento”. Segundo informamos en Código Cero, dando conta dos principais fitos acadados ao longo da traxectoria do CPEIG (e dalgúns dos vindeiros pasos a dar), ao longo destes meses íamos ser testemuñas da convocatoria dun bo feixe de actividades para celebrar estes dez anos de loita contra a fenda dixital e, tamén, para axudarnos ás galegas e aos galegos a subir novos chanzos en materia de capacitación e coñecemento TIC. Sen ir máis lonxe, onte soubemos que o CPEIG vai argallar unha wiki sobre a Historia da Informática en Galicia e máis unha xornada sobre as oportunidades laborais que abren as TIC. Ademais, hoxe anunciou que xa é posible mercar a camiseta conmemorativa do décimo aniversario do Colexio.
Respecto das camisetas, o CPEIG informa “que as persoas colexiadas poden encargar xa as camisetas oficiais do décimo aniversario do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) que se celebra ao longo do presente ano 2017”. Trátase, como dixemos, dunha das accións previstas para conmemorar “a nosa década de vida”. O lema que reproduce a camiseta é o seguinte: “Hai só 10 tipos de persoas no mundo: as que entenden o binario e as que non”, xunto co logo conmemorativo da década de vida do CPEIG.
As colexiadas e colexiados interesados en mercar a camiseta poden enviar un correo electrónico a info@cpeig.gal, indicando o seu talle consonte conforme aos tamaños que dispoñibles na Rede nun apartado específico de Dona Camiseta.
Os centros de recollida das prendas son: conserxerías da Facultade de Informática de Coruña e da Escola Superior de Enxeñaría Informática da Universidade de Vigo (Campus de Ourense) e centro de negocios onde se atopa a sede do CPEIG: Rúa Fernando III O Santo, 13 1ºA, Santiago de Compostela.
O CPEIG lanza camiseta de conmemoración dos seus dez anos de actividade
Compartir Este Artigo

