O grupo iEscudería, franquía de centros de simulación de automobilismo (con sede en Ferrol), vén de informar de que durante o mes de xuño poranse ao alcance da man da cidadanía da Coruña os seus equipamentos de calidade profesional, tecnoloxías de adestramento equipadas co que, en palabras de iEscudería, é sen dúbida o mellor simulador do mundo da actualidade: iRacing. A dispoñibilidade desta tecnoloxía (que nos permite poñernos na pel, literalmente, dos máis destacados automóbiles de carreira e recreados con todo luxo de detalles) é froito da colaboración entre iEscudería e Karting Marineda (o circuíto interior do complexo comercial Marineda City).
Trátase dun acordo de traballo conxunto que, segundo informan, “non ten precedentes no panorama galego do motor” e que porá ao alcance da man dos seareiros do automobilismo coruñeses a posibilidade de pilotar e competir con iRacing, do que iEscudería é socio oficial no mercado español.
A experiencia co simulador será acaída para todos os públicos, pero especialmente para pilotos adultos e menores de máis de 13 anos. Inclúese a posibilidade de gañar premios competindo con outros seareiros da Coruña, e mesmo participar a carón de pilotos de Ferrol e de iRacing de calquera recanto mundo nalgunha das carreiras televisadas en directo por iEscudería. A experiencia desenvolverase entre o 3 de xuño e o 4 de xullo, incluídos. Porén, o acordo con Karting Marineda deixa a marxe aberta para establecer “unha presenza permanente de iEscudería na Coruña”, sinalan fontes da franquía dende Ferrol.
Os seareiros do motor poderán probar en Karting Marineda o revolucionario simulador iRacing
Compartir Este Artigo

