A Deputación da Coruña súmase á celebración do Día Mundial do Medio Ambiente e faino a través das redes sociais e baixo a etiqueta #DACNaturalmente. A actividade de adhesión e divulgación, que se vai desenvolver ao longo desta semana, adicarase a difundir a riqueza natural da provincia. Estase a facer (xa) nas comunidades dixitais (Twitter, Facebook, Google+), convidando aos usuarios a descubrir datos e achar curiosidades sobre boa parte das paraxes naturais máis significativas do territorio coruñés. Por exemplo as dunas de Corrubedo (que cumpren 25 anos como Parque Natural), as Fragas do Eume ou a Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.
Asemade, estanse a mostrar perante o mundo os importantes valores dos 18 Lugares de Importancia Comunitaria (LIC) incluídos na Rede Natura, na provincia da Coruña, entre os que figuran a Costa da Morte, Estaca de Bares, a Costa Ártabra, o Esteiro do Tambre, a Costa de Dexo (Oleiros), Monte Pindo (Carnota), ou o encoro de Cecebre; amais das catro Zonas de Especial Protección de Aves (ZEPA) en Corrubedo, Ferrolterra-Valdoviño, Ortigueira- Ladrido e Costa da Morte.
A Deputación tamén lembrou que esta iniciativa lanzouse a xeito de complemento divulgativo puntual do seu Plan de Medio Ambiente (PMA), dotado con 5 millóns de euros para o financiamento de 159 accións de mellora do entorno natural e a calidade ambiental nos 93 concellos coruñeses.
A Deputación da Coruña celebra nas redes o Día do Medio Ambiente
Compartir Este Artigo

