Vilagarcía está a subirse ao andar superior da Administración Dixital coa posta en marcha da súa sede electrónica. A face visible é un novo portal dirixido en boa medida a poñer as cousas (tramitacións, operacións, comunicacións, acceso á información, participación pública) á cidadanía o máis doado posible. A previsión é que a curto e medio prazo a veciñanza poida realizar unha manchea de trámites no plano dixital sen necesidade de facer desprazamentos, de reservar boa parte do seu tempo persoal e/ou persoal para estes procesos ou de ter que atender aos horarios do propio consistorio co fin de levalos a bo porto. A sede, malia que se atopa en proceso de implantación, xa permite facer algunhas operacións, como obter volantes de padrón, acceder ao perfil do contratante ou acudir dixitalmente á plataforma de licitación electrónica.
Un dos eidos onde máis traballou o Concello neste proxecto foi sen dúbida o eido da transparencia, que conta cun apartado de seu no novo portal e que permitirá aos cidadáns, entre outras cousas, ter acceso a unha chea de información pública local. Por exemplo os salarios e retribucións do equipo de Goberno ou dos grupos municipais. Ou, tamén, as actas das sesións plenarias.
A idea é incrementar en datas vindeiras o número de servizos fornecidos. A empresa encargada do desenvolvemento da plataforma foi Imatia, coa que o Concello xa traballara previamente noutros importantes proxectos.
Vilagarcía comeza a implantación definitiva da súa sede electrónica
Compartir Este Artigo

