O Concello de Lalín vén de pór en marcha a súa web para a participación cidadá, dispoñible xa a través de participa.lalin.gal. A páxina foi presentada esta semana polo tenente alcalde, Nicolás González Casares, e o concelleiro de Novas Tecnoloxías, Tomás Vilariño, que salientaron que a iniciativa se dirixe sobre todo a implicar á cidadanía na vida pública do concello, na xestión, na toma de decisións e nos vindeiros rumbos a seguir en materia de política local. Nas súas palabras, é un instrumento para “dar voz á veciñanza”. Arestora permite opinar sobre que facer coas instalacións da antiga piscina. A través da páxina, deseñada polo propio Tomás Vilariño (igual que outras propostas dixitais previas do Concello), desenvolveranse todo tipo de consultas de xeito regulado.
O edil de Novas Tecnoloxías, entre outras cousas da web, salientou o apartado específico destinado a fomentar e facer posible a participación, ao que se pode acceder previa inscrición. Segundo engadiu, despregouse un esforzo grande por facer o máis sinxelo posible o proceso de implicación da cidadanía. Por exemplo, é posible poder tirar proveito da nosa conta de Facebook ou de Google, ou dunha conta de correo persoal, para verter directamente a nosa opinión sobre os temas a tratar e debater. A través da web tamén se fornece á veciñanza da posibilidade de subministrar propostas a través dun formulario de contacto.
Lalín pon en marcha a súa web de participación cidadá
Compartir Este Artigo

