Co lema Todo encaixa, en referencia á unión entre a etapa como estudantes (pasado) e a profesional (presente), a Universidade de Vigo vén de presentar a súa nova campaña de imaxe, unha estratexia de natureza transmedia con vontade de impulsar innovación e transferencia. Entre os protagonistas da iniciativa atópanse Alicia Ferreiro, enxeñeira industrial e directora de Loxística de Arnoia Distribución de Libros; Jorge Vázquez, enxeñeiro informático e director da empresa de consultoría de sistemas e software a medida Redegal, e Ismael Calvo e Luz Pérez, licenciados en Publicidade e Relacións Públicas e creativos de Ovo Publicidade.
A campaña, segundo se fixo saber na súa presentación, celebrada onte, céntrase en mostrar tres casos de éxito de antigos estudantes da Universidade. Mozas e mozos que foron quen de “cumprir os seus soños e crear riqueza no país”, en palabras do reitor, Salustiano Mato, que presidiu o acto de estrea da campaña. Esta, sinalou, inclúe unha serie de pezas audiovisuais centradas nos devanditos casos de éxito para seren amosadas ante o mundo a través das redes sociais. O obxectivo fundamental desta nova estratexia de mercadotecnia da Universidade é “potenciar a imaxe de marca” da institución académica galega. Ademais, segundo apuntou o xefe de Gabinete do reitor, Ciprián Rivas, búscase salientar a transferencia de coñecemento que as/os tituladas/os achegan á sociedade, “algo que se pode ver representada en todas as pezas, nas que se amosan situacións da vida real e localizacións características do tres campus”.
A campaña, nun plano máis detallado, abrangue tres spots curtos e tres “pezas reportaxeadas” nas que os protagonistas reconstrúen a súa etapa de estudantes nos campus de Vigo, Ourense e Pontevedra, así como os seus inicios profesionais; tres anuncios de radio e tres pezas gráficas adaptadas a diferentes soportes. Segundo se informou no acto de presentación, as pezas máis breves inclúen códigos QR que convidan a vermos as reportaxes completas. Todo este material difundirase en prensa escrita e dixital, emisoras de radio, redes sociais e autobuses, así como lonas e carteis.
Na presentación, que tivo lugar nunha sala do Edificio Miralles adobiada puntualmente con caixas de cartón e papel de embalar, que ocultaban os rollups coa nova imaxe, a actriz e xornalista Maika Aguado foi a encargada de conducir un acto, no que o grupo Mecanismo Ruso puxo a música. Pola súa banda, o docente da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Paulino Pérez achegou os detalles do traballo desenvolvido coas e cos protagonistas das pezas audiovisuais, aos que agradeceu a súa disposición para participar nesta iniciativa, ao tempo que lembrou que “aínda que temos xente na ESA ou na NASA, queríamos centrarnos en cousas que temos máis preto e poñelas en valor”.
Alicia Ferreiro, directora de loxística de Arnoia, que non puido estar presente no acto de presentación da campaña, refírese a súa participación nela como “unha experiencia fantástica, non só pola profesionalidade do equipo de produción e realización da Uvigo, senón tamén por saír do día a día e participar nesta campaña. Moi gratificante e enriquecedor”.
Pola súa banda, Jorge Vázquez, director de Redegal, que se atopaba en México no intre da presentación, asegurou que “para una empresa como Redegal, cuxo equipo se nutre nun 90% de titulados da Universidade de Vigo, participar nesta campaña supón un recoñecemento xa non a súa traxectoria, senón a do equipo humano que traballa día a día para ser mellor e sen o que, o crecemento da empresa non sería posible”.
Mentres, Luz Pérez e Ismael Calvo, creativos de Ovo Publicidade, amosaron o seu orgullo de ter colaborado na campaña. “Fardamos de ser desta universidade “, asegurou Calvo, que lembrou a utilidade do aprendido nas aulas á hora de poñer en marcha a súa empresa. Luz Pérez, pola súa banda, asegurou que Publicidade e Relacións Públicas foi para eles unha vocación, ao tempo que expresou a súa satisfacción por poder participar “nunha chulada de campaña”.
A UVigo presenta unha estratexia transmedia que enxalza o potencial dos estudantes para cambiar o mundo
Compartir Este Artigo

