
Isto está a ser posible grazas a unha ferramenta chamada GReTel (Gestión de Residuos de Telefónica), desenvolvida por Teimas. A firma galega, como lembraremos, é a día de hoxe a única firma estatal especializada no desenvolvemento de tecnoloxías para o sector da xestión de residuos. En 2015 o CPEIG recoñeceu o seu pulo innovador na Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, outorgándolle o Premio Iniciativa Emprendedora.
Segundo informa Teimas, a área de Sustentabilidade de Telefónica busca con GReTel diminuír aínda máis o seu impacto ambiental mediante plans de redución de xeración de residuos, reciclaxe e reemprego de, principalmente, aparellos eléctricos e electrónicos. O obxectivo da operadora é dar un paso máis na súa estratexia verde, en liña coas propostas (sobre todo coas da Unión Europea) que esixen a empresas e gobernos apostar de cheo por un modelo de economía circular, e non, como ata o de agora, por producir só para enviar ao lixo. GReTel, máis en detalle, axúdalle á compañía a superar os devanditos retos.
A nova plataforma púxose en marcha en España e Colombia, e este ano iniciarase nos outros 15 países nos que Telefónica ten presenza. “Grazas á nosa plataforma”, explican dende Teimas, “a operadora disporá dun rexistro de todos os refugallos xerados nos seus centros de traballo, con independencia do país no que estean e a actividade que desenvolvan, que lle permitirá xerar información útil como medicións, ratios de reutilización, valorización e reciclado de residuos, etc”.
GReTel, máis polo miúdo, consiste no desenvolvemento e posta en marcha dunha plataforma web de xestión de material tecnolóxico desbotado, cuxo obxectivo principal é o de aumentar o valor dos residuos xestionados mediante a dixitalización do proceso, así como a redución dos riscos asociados. En termos de beneficios económicos, a actividade xerada arredor da ferramenta galega tradúcese no aumento dos ingresos pola venda de refugallos, a diminución da marxe de incumprimento legal en materia de residuos (“que cada vez é máis esixente nos países onde opera Telefónica”, lembra Teimas), a mellora da eficiencia dos procesos de xestión de material desbotado e diminución da contaminación ambiental.
O que se reciclou, en números concretos
Das máis de 23.500 toneladas de residuos xeradas por Telefónica en 2016, o 66% (máis de 15.500 toneladas) foron cables derivados do proceso de transformación da rede, dos que se reciclaron o 98%. Polo que atinxe aos aparatos eléctricos e electrónicos (RAEE), Telefónica xestionou o ano pasado 5.247 toneladas de material, xerado tanto pola propia compañía como polos seus clientes. Do total, un 27% foron reutilizados e un 69% reciclados para extraer e reaproveitar os seus compoñentes. Só un 4%, materiais imposibles de recuperar, destináronse a vertedoiro ou incineración.
Teimas reduce coa súa tecnoloxía smart o impacto ambiental de Telefónica
Compartir Este Artigo

