Alfonso Ribas, Luis Pérez Freire e Ismael Martínez na presentación da iniciativa galega en IrlandaO Polo de Innovación Dixital para o agro galego impulsado por Gradiant e a USC, do que xa temos falado en Código Cero con motivo dos seus desafíos e obxectivos (achegar recursos e solucións que favorezan a futura sustentabilidade e rendibilidade do noso eido agroalimentario), vense de presentar en Europa perante centros de investigación, persoeiros públicos e investidores dunha manchea de países. Na cita participaron representantes do Centro Tecnolóxico Gradiant, emprazado en Vigo, da Universidade de Santiago e da Xunta. A presentación levouse a cabo no marco do seminario Polos de innovación dixital: principais correntes na dixitalización da agricultura, organizado polo Partenariado Europeo para a Innovación da Produtividade Agrícola e a Sustentabilidade (EIP-AGRI, polas súas siglas en inglés). Segundo fixeron saber os seus impulsores, o Polo de Innovación Dixital para o Sector Agroalimentario constitúe unha proposta nova e pioneira que integra produtores agrícolas con vontade de transformación, por unha banda, e provedores tecnolóxicos e centros de coñecemento e innovación, pola outra. O comisario europeo de Agricultura, Phil HoganLuis Pérez Freire, director xeral de Gradiant, e Alfonso Ribas, en representación do Instituto Galego da Calidade Alimentaria (INGACAL), dependente da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia; acompañados de Ismael Martínez da Cooperativa CLUN, presentaron as actividades realizadas ata o de agora no marco do Polo de Innovación Dixital, así coma os vindeiros pasos que se darán para, nas súas palabras, “impulsar a dixitalización do sector”. En palabras de Pérez Freire, “o feito de que desde a Comisión Europea invitasen á iniciativa galega como exemplo de boas prácticas no tocante á colaboración público-privada supón un recoñecemento ao bo traballo que se vén realizando”, e unha “proxección internacional” de Galicia como pioneira no eido da innovación aplicada ao rural. O evento, que se celebrou na cidade irlandesa de Kilkenny o 1 e 2 de xuño, reuniu aos responsables de políticas públicas, representantes de centros tecnolóxicos e de investigación, representantes do sector agroalimentario e investidores dos 24 estados membro da Unión Europea; e tivo ademais coma principal obxectivo compartir experiencias, boas prácticas, barreiras e prioridades á hora de establecer hubs dixitais de innovación para o sector agroalimentario en Europa. Luis Pérez Freire amosando os resultados do polo de innovación dixital perante os investigadores europeosLouvanzas ao proxecto galego Segundo fixeron saber os seus impulsores (Gradiant, USC e Xunta) o Polo de Innovación Dixital para o sector agroalimentario de Galicia recibiu unha chea de eloxios por parte do persoal da Comisión Europea, responsables de políticas públicas dos Estados Membro e de centros de investigación europeos. Ademais, a presenza de Galicia como relatora convidada nesta sesión da EIP-AGRI “representa o recoñecemento internacional á estratexia de innovación no sector agrario impulsada desde o Goberno galego”, indicou Alfonso Ribas, que fixo fincapé na boa acollida da proposta da nosa terra e no seu carácter de referente. A proposta, de feito, recibiu unha mención expresa por parte do comisario europeo para Agricultura e Desenvolvemento Rural, Phil Hogan, quen no seu discurso de clausura felicitou a Galicia e a Toscana (Italia) polos traballos desenvolvidos neste ámbito da innovación aplicada ao rural.