A Fundación TIC da Deputación de Lugo vén de rematar un vídeo para celebrar o medio século de andaina da Asociación de Amas de Casa e Consumidores Lucus. As encargadas de dar a coñecer a peza, que se vai promover nas páxinas web da Fundación e máis nas redes sociais nas que ten presenza, foron a deputada de Cultura, Pilar García Porto, e máis a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez. O audiovisual recolle testemuñas das asociadas, documentación gráfica e imaxes do arquivo da TIC para repasar os logros acadados no medio século de historia da entidade lucense.
O vídeo foi proxectado esta quinta feira, xoves, no salón rexio do Círculo das Artes, durante unha gala á que asistiron preto de 200 persoas. Segundo fixeron saber García e Méndez, no traballo desenvolvido pola Fundación TIC fica reflectida “a defensa dos dereitos da muller” e o “apoio á súa integración no mundo laboral”, a través dos obradoiros e actividades formativas que organiza o colectivo dende as súas orixes. No material feito pola entidade tamén se plasman outras accións concretas levadas a cabo pola asociación, como a loita a prol dun plan de pensións para as amas de casa ou a posta en marcha da oficial local de consumidores.
Aberta a preinscrición para 40 prazas de Realización e Produción
A Escola de Imaxe e Son de Lugo da Fundación TIC tamén informou de que ten aberto o prazo de preinscrición de matrícula (de balde) para o curso 2017-2018 ata o vindeiro 23 de xuño. A EIS, segundo nos conta a Deputación de Lugo (de quen depende a Fundación TIC) ofrece 40 prazas de primeiro nos ciclos superiores de Realización e Produción de Audiovisuais e Espectáculos. Entre os requirimentos para acceder están o ter acadado as titulacións de bacharelato, técnico medio ou superior ou universitaria. A listaxe de admitidos, espera e excluídos publicarase o 26 de xuño, no taboleiro de anuncios da EIS e na web da TIC, fundaciontic.org.
A entidade tamén informa de que haberá catro días para posibles reclamacións, do 27 ao 30 de xuño, antes da publicación definitiva o 3 de xullo. O prazo de matrícula ordinaria ficará aberto do 4 ao 20 de xullo. O impreso requirido e o resto de documentación pode descargarse na web da Fundación, para formalizar a tramitación na EIS, en horario de mañá, de 9.00 e 14.00 horas.
A Fundación TIC celebra con material audiovisual os 50 anos da asociación Lucus
Compartir Este Artigo

