Mañá sábado 17 de xuño terá lugar no salón de actos de El Corte Inglés de Santiago, a partires das 12 horas, o acto de entrega de premios da II edición do concurso escolar Aprendo Programando, organizado polo CPETIG e patrocinado por El Corte Inglés e Alvarellos Editora. O acto estará presidido por Marcos Mata, presidente do CPETIG; Maximino Tuñas, responsable de Sistemas de Información El Corte Inglés Santiago; e Henrique Alvarellos, director de Alvarellos Editora.
Concorren ao certame un total de 39 equipos de Primaria e de ESO, que presentaron os seus proxectos programados con Scratch, centrados na temática Convivir en igualdade, proposta polo CPETIG na convocatoria deste ano.
Este concurso escolar ten como obxectivo achegar a programación e integrar xa nos primeiros niveis do sistema educativo a crecente utilización das novas tecnoloxías, como unha oportunidade para o alumnado de adquirir habilidades mentais, ligadas ao pensamento computacional, mediante a aprendizaxe da programación.
Mañá entregaranse os premios do concurso escolar Aprendo Programando
Compartir Este Artigo

