As novas tecnoloxías fornecen dunha manchea de vantaxes ás nosas empresas e entidades e para visualizalas ao detalle a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) organiza as sesións #UpdatePEME, cuxa vindeira cita, a do 28 de xuño, xirará arredor das cousas que poden facer as TIC polas cooperativas da nosa terra. A sesión, que será de balde, celebrarase na Cidade da Cultura e contará coa participación de Paco & Lola, Seragro, Nosa Enerxía e Bico de Xeado. Estas cooperativas compartirán a súa experiencia no uso de solucións tecnolóxicas. Trátase da segunda das xornadas previstas ao abeiro do programa #UpdatePEME.
A xornada, que comezará ás 19.00 horas, está destinada a fomentar o uso das novas tecnoloxías entre o sector da economía social, tanto no relativo á páxina web, redes sociais e venda a través de internet como na comunicación.
O programa desta sesión, organizada en colaboración coa Rede Eusumo impulsada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, inclúe un relatorio, a cargo da coñecida adega Paco&Lola, titulado Descubre as vantaxes da comercialización en liña.
A continuación, está prevista unha mesa de experiencias na que participarán as cooperativas Seragro, Nosa Enerxía e Bico de Xeado, que falarán das súas experiencias coas novas tecnoloxías. Por unha banda, Seragro falará sobre a consulta en liña dunha explotación de vacún dedicada á actividade leiteira; por outra, Nosa Enerxía explicará como chegar a novos socios a través das TIC; e, por último, Bico de Xeado desvelará como deseñar un plan de mercadotecnia para as redes sociais. A sesión rematará cunha rolda de preguntas e un debate sobre os temas tratados.
Para participar nesta actividade cómpre inscribirse na web do CDTIC ou a través da súa aplicación dispoñible para plataformas Android e iOS. A asistencia é de balde e aínda é posible anotarse para acudir, xa que as prazas, polo momento, non están cubertas.
Catro cooperativas galegas amosan este 28 de xuño as súas experiencias coas TIC
Compartir Este Artigo

