ABANCA vén de presentar os resultados de actividade referentes aos seus tres anos de andaina. En termos xenéricos, a entidade financeira sinala que mellorou a súa solvencia e rendibilidade, incrementando o crédito e reducindo a menos da metade a súa morosidade. E termos de transformación tecnolóxica, os grandes fitos foron a súa “marcada orientación ao cliente” e a súa “innovación e fortaleza financeira”. Esta arela de ollar cara ao futuro materializouse en parte na renovación da rede de oficinas, a súa infraestrutura e a súa plataforma tecnolóxica, ámbitos para os cales destinouse un investimento de 150 millóns de euros ao longo dos últimos dous anos. Ademais, informou a entidade, grazas ao lanzamento de servizos con diversas funcionalidades de pago móbil, envío de efectivo, financiamento e aprazamento de pagos (ABANCA Cash, ABANCA Pay, Samsung Pay), “o proceso de dixitalización mostra un significativo avance”. En concreto, conseguiuse que o 44% da base de clientes do banco sexan xa “clientes dixitais activos”.
Ademais, tamén se logrou que a canle dixital supuxera o 43% das transaccións totais e que a banca móbil fose unha das mellor valoradas tanto na App Store como en Google Play.
A entidade galega tamén lembrou que no segmento empresas as transaccións realizadas a través da banca electrónica medraron un 31% interanual no primeiro trimestre, “con máis de 53.000 empresas activas que xa poden asinar as súas operacións desde o móbil”.
Cifras de tres anos de andaina
O informe da entidade financeira galgega inclúe unha serie de cifras xenéricas que complementan e completan os números tecnolóxicos que citamos máis arriba. Segundo apuntou ABANCA, entre 2013 e 2017 o volume de negocio minorista aumentou de 52.544 a 62.707 millóns de euros (+19,3%), o volume de crédito en situación normal creceu de 23.812 a 26.283 millóns de euros (+10,4%), a taxa de morosidade caeu do 15,06% ao 6,54% (-852 puntos básicos), o cociente de capital CET1 aumentou do 11,44% a 14,41% (+297 p.b), o beneficio neto incrementouse desde 21 a 334 millóns de euros (+313 millóns), e a rendibilidade ROE multiplicouse por 16 (desde o 0,94% ao 15,04%). Pola súa banda, o Indice de Prescrición Neta (IPN) pasou de -42 a +12 puntos (+54 puntos). O IPN é o índice de recomendación que ten unha empresa.
O 44% dos clientes de ABANCA son xa usuarios dixitais activos
Compartir Este Artigo

