A 12ª edición dos premios Webby xa ten gañadores

mércores, 7 de maio do 2008 Marcus Fernández

Trofeo dos premios

Un ano máis se publicou a listaxe de páxinas web galardoadas cos premios Webby (tamén coñecidos coma os Oscars da Web) recoñecéndose ao presentador de televisión Stephen T. Colbert coma a persoa do ano polo seu xeito de utilizar a Internet para interactuar cos seus seguidores. No apartado cinematográfico é Michel Gondry o autor do que se recoñece o seu traballo, mentres que na música é will.i.am (de The Black Eyed Peas) polo seu vídeo en favor de Barack Obama titulado Yes We Can.
Nas categorías máis tradicionais, as das mellores páxinas web por categorías, non houbo sorpresas, e moitas das webs premiadas xa son reincidentes, coma The Onion, PostSecret, National Geographic, Apple.com, Flickr ou a BBC. Tamén continúa a tendencia a premiar webs que apenas son coñecidas fóra dos EE.UU. (e o Reino Unido) de aí que a repercusión dos Webby sexa algo limitada en España.
Cómpre destacar que na actualidade xa non só contan con categorías para páxinas web, senón que tamén premian a campañas interactivas, vídeos en liña e webs para móbiles.