A Web abriuse ao público hai 25 anos

martes, 23 de agosto do 2016 Marcus Fernández

Facebook é unha das compañías que está a destacar hoxe a celebración do Internaut Day

Cando hoxe entramos en Facebook ou visitamos Twitter vemos que está a celebrarse o #InternautDay, no que aseguran que hoxe a web fai 25 anos e agradecen a Tim Berners-Lee o seu traballo, pero iso pode sorprendernos xa que o pasado mes de decembro demos conta de que a primeira páxina web cumpría 25 anos. Como é iso posible? Pois o que acontece é que resulta imposible dar datas concretar para definir o nacemento de proxectos complexos, que se desenvolven en varias fases, e se ben a primeira web naceu no mes de Nadal de 1990, e o proxecto da World Wide Web abriuse á colaboración o 6 de agosto de 1991, non foi até o 23 de agosto cando o servizo da WWW fíxose público na Internet, e incluso hai quen considera que a Web non naceu realmente até o 30 de abril de 1993, cando o CERN liberou o protocolo Web e fíxoo de uso libre (chegando a crearse o consorcio W3C ao ano seguinte para velar por esta tecnoloxía), propiciando a súa adopción global.
A primeira páxina web continúa a estar actualmente dispoñible en liña despois de que restaurasen unha copia hai tres anos, polo que podemos visitala para lembrar o 25 aniversario dun dos grandes momentos que marcaron a historia da Web que coñecemos hoxe, aínda que a celebración do Internaut Day (ou Día do Internauta) non sexa nin moi celebrada nin moi coñecida, sendo moito máis popular a celebración do Internet Day (ou Día da Internet) que casualmente coincide co Día das Letras Galegas dende 2006 e que, en vez de buscar a celebración do nacemento da WWW pretende reivindicar a inclusión dixital.

PUBLICIDADE