A AETG dá asistencia profesional sobre infraestruturas de telecomunicacións aos concellos galegos

venres, 6 de outubro do 2017 Redacción

Julio Sánchez Agrelo, decano do Colexio e presidente da AETG

A Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (AETG) vén de anunciar que fornecerá de asistencia profesional sobre infraestruturas de telecomunicacións aos concellos galegos. Ademais, publicará tamén unha guía técnica de Infraestruturas de fogar dixital, que incluirá un proxecto tipo para a instalación destas infraestruturas nas vivendas de nova construción. Son algunhas das medidas contempladas no convenio de colaboración asinado este ano entre a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia e a ANTEGA.
Asesoramento a concellos
O servizo de asesoramento ofrecido pola Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (AETG) aos concellos galegos sobre normativa e solucións técnicas para o despregue de infraestruturas de telecomunicación iniciado hai algúns anos, pon a disposición das entidades locais un equipo integrado por enxeñeiros de telecomunicación que ofrece soporte centralizado para resolver dúbidas sobre a aplicación da normativa e cuestións técnicas da implantación dos equipamentos e infraestruturas que afectan ás actividades das administracións locais. A medida exponse como unha canle de comunicación directa cos concellos para dar soporte ás súas necesidades no referente á actualización normativa e ao acceso á información tecnolóxica que condicionan o funcionamento diario destas entidades.
Grazas a este servizo, o persoal técnico dos nosos consistorios ten ó seu dispor un asesoramento directo por parte dos profesionais da AETG a traveso da denominada Oficina Concellos AETG, que mediante atención telefónica en horario de luns a venres de 9 a 14 horas no número 981913576 ou por correo electrónico no enderezo oficinaconcellos@aetg.gal, ofrece este servizo sen custe para as entidades.
Guía Técnica de Infraestruturas de Fogar Dixital
Por outra banda, a elaboración da Guía Técnica de Infraestruturas de Fogar Dixital, que incluirá un proxecto tipo para a instalación destas infraestruturas nas vivendas de nova construción, recollerá as implicacións e indicacións do Decreto 127/2016, do 15 de setembro, polo que se regulan as infraestruturas necesarias para posibilitar as funcionalidades do fogar dixital nas vivendas. Este decreto garante que as novas vivendas dispoñan dos equipamentos e recursos precisos para ter acceso a servizos dixitais avanzados tanto sociosanitarios, como de eficiencia enerxética, domótica, seguridade ou confort. Ademais, a norma establece que para obter as licenzas oportunas será requisito obrigatorio proxectar e instalar as infraestruturas de soporte do fogar dixital e recolle, tamén, a recomendación de que estas se inclúan cando se rehabiliten ou remodelen as vivendas xa existentes.
A AETG levará a cabo unha análise e estudo exhaustivo da norma e elaborará documentación de soporte técnico dirixida aos axentes implicados na instalación das infraestruturas que posibilitan os servizos do fogar dixital.
Medicións e controis sobre o terreo
No marco das actuacións recollidas no devandito convenio, a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia desenvolverá tamén un estudo sobre a calidade das redes de banda larga naquelas zonas da nosa Comunidade que, polas súas características específicas, requiran de medidas de control concretas.

PUBLICIDADE