A AGA dá a coñecer as novidades da gala de entrega dos Premios Mestre Mateo 2007

mércores, 2 de abril do 2008 Fernando Sarasketa

O audiovisual galego está vivo estes días nos medios. Se onte falabamos do éxito que está a ter o filme Pradolongo alí onde foi proxectado, agora toca facelo da festa por excelencia do sector, que xa fai ruído ó lonxe. Falamos da gala de entrega dos Premios Mestre Mateo 2007, que se vai celebrar no Teatro Jofre de Ferrol o 15 de abril e que foi presentada este mércores en Santiago nun acto convocado pola Academia Galega do Audiovisual, responsable da organización do certame e do punto final do certame.
O caso é que a cita cos medios serviu entre outras cousas para dar a coñecer o seguinte: 1º Que o acto vai ser presentado un ano máis por Antonio Durán (Morris) e Manuel Manquiña. 2º Que terá unha importante presenza de pezas vinculadas ás novas tecnoloxías e ferramentas, tal e como xa sinalamos nesta páxina hai uns días. 3º Que será retransmitida pola TVG. 4 º Que virá ligada outra vez á Semana do Audiovisual Galego, festival itinerante coordinado por MrMisto.
Estes e outros datos foron dados a coñecer pola presidenta da Academia, María Bouzas.
Ademais da presidenta a AGA, na rolda de prensa de hoxe estiveron presentes o director xeral de Comunicación Audiovisual, Manuel Fernández, e o director da Axencia Audiovisual Galega (Consellería de Cultura), Manuel González.
A gala ten como patrocinadores tres consellerías da Xunta de Galicia, concretamente, as de Presidencia, Cultura e Deportes, e Innovación e Industria, a través das súas direccións xerais de Comunicación Audiovisual, Creación e Difusión Cultural, e Promoción Industrial e Sociedade da Información, respectivamente. Así mesmo, conta co patrocinio da Concellería de Cultura do Concello de Ferrol, a Fundación Caixa Galicia e a Televisión de Galicia. Os colaboradores da presente edición son: Fundación Aisge, Gadisa, SGAE-Fundación Autor, e Spica.
No relativo á Semana do Audiovisual Galego (certame que naceu o ano pasado co obxectivo de complementar e consolidar aos Mestre Mateo e que desta volta achega un circuíto de cinema por 60 localidades), vai ser coordinada unha vez máis pola produtora galega MrMisto Films, estando en labores de patrocinio as direccións de Comunicación Audiovisual e de Creación e Difusión Cultural da Xunta de Galicia, xunto coa Fundación Caixa Galicia.
A programación completa do circuíto está na web da Academia.

PUBLICIDADE