A Xunta mobilizará 8 millóns de euros en 2026 para o sector audiovisual
mércores, 1 de abril do 2026
A Xunta prevé mobilizar ao longo de 2026 arredor de 8 millóns de euros a través do seu programa de axudas ao sector audiovisual galego, cun impacto directo sobre profesionais, empresas e proxectos que integran esta industria, segundo sinalou o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, durante a súa comparecencia na Comisión 4ª do Parlamento, solicitada por el mesmo, onde subliñou que o Executivo autonómico «ten o obxectivo claro e inequívoco de seguir reforzando un sector estratéxico para Galicia, consolidado como un dos principais motores culturais, económicos e de proxección exterior».
O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude explicou que «dispoñemos dun modelo propio de apoio asentado no diálogo cos axentes do sector e na estabilidade das políticas públicas, que garante seguridade xurídica, previsibilidade e investimento». Durante a súa intervención, fixo referencia ás sete liñas de subvención que nos últimos anos contribuíron de maneira significativa a éxitos como Sirat, a primeira película galega en lograr nominacións aos Óscars.
Entre estas axudas, Sutil destacou o notable incremento da convocatoria destinada ao desenvolvemento de proxectos audiovisuais galegos, que pasa de 300.000 euros a 1,2 millóns de euros, financiados tanto con fondos propios como co programa FEDER 2021-2027. Este aumento responde á incorporación dunha nova categoría orientada ao desenvolvemento de paquetes de proxectos que, segundo explicou, «permitirá gañar estabilidade e fortalecer o tecido empresarial, ao facilitar a planificación de iniciativas a medio e longo prazo, impulsando ademais o talento creativo galego e priorizando os nosos autores e autoras».
Tamén puxo o foco nas axudas dirixidas ás salas de cinema, que este ano contarán cunha dotación de 480.000 euros achegados polo Ministerio de Cultura. O seu obxectivo, precisou, «é contribuír a dar cobertura a un sector fundamental para a difusión do noso cinema».
Da produción e as rodaxes ao apoio a festivais e á promoción exterior, a liña con maior dotación orzamentaria é a destinada á produción e coprodución de proxectos audiovisuais galegos, cun total de 3,5 millóns de euros, que «resulta clave para impulsar a produción independente en Galicia». Segundo explicou, esta liña funciona tanto como capital semente para proxectos en fase inicial como complemento para aqueles que xa contan con outras fontes de financiamento, abrangue modalidades como longametraxes de ficción, animación e documental, coproducións minoritarias galegas, curtametraxes e series.
Outra das liñas destacadas é a orientada á realización de rodaxes en Galicia, posta en marcha en 2021 no marco do Hub Audiovisual para paliar os efectos económicos da pandemia. Este ano dispón de 2,2 millóns de euros co obxectivo, indicou Sutil, «de que o noso territorio compita en igualdade de condicións con outros do Estado con incentivos fiscais diferenciados, como País Vasco, Navarra ou Canarias, que presentan maiores vantaxes para atraer grandes producións».
No ámbito da creación audiovisual para a promoción do talento galego, destínanse 176.000 euros a fomentar a realización e posprodución de curtametraxes, así como a produción de longametraxes de novos directores e directoras. Trátase dunhas axudas que, segundo aclarou, «esixen que tanto os proxectos como as obras finais estean en versión orixinal galega e constitúen en moitos casos a primeira oportunidade para profesionais que buscan abrirse camiño na industria».
Ademais, a convocatoria para apoiar a celebración de festivais do sector en Galicia conta cun orzamento de 310.000 euros, destinado a cubrir gastos vinculados a equipamentos de proxección, dereitos de exhibición, subtitulado, promoción, xestión de convidados e persoal organizador.
Por último, resérvanse 80.000 euros para a promoción exterior da industria audiovisual e dos videoxogos galegos, financiando parte dos custos asociados á participación en eventos internacionais e facilitando a presenza de empresas e profesionais en feiras e mercados especializados.
