A Academia Galega do Audiovisual pecha as candidaturas dos premios Mestre Mateo 2006

luns, 29 de xaneiro do 2007 Fernando Sarasketa

Esta fin de semana, a Academia Galega do Audiovisual pechou a listaxe definitiva de candidaturas ós premios Mestre Mateo 2006. Nesta edición, presentáronse un 55 por cento máis de empresas ca na do pasado ano e, asemade, incrementouse o número de producións achegadas nun 26 por cento. A maioría das produtoras que optan ós premios (un 79 por cento) proceden da provincia da Coruña, seguida de Pontevedra cun 15 por cento, Lugo cun 4 por cento e finalmente Ourense con tan só un 2 por cento de empresas participantes. Na seguinte fase para a elección dos galardoados, o xurado terá que escoller catro traballos ou profesionais para cada categoría, que serán os que de xeito definitivo opten ós premios. A devandita tarefa corresponderalle ós socios da, que terán de prazo ata o vindeiro 16 de febreiro para recompilar os votos recibidos e facelos públicos o vindeiro 23 do mesmo mes. Nunha segunda rolda de votacións ante notario, dende o 26 de febreiro ata o 14 de marzo, os socios da Academia terán que escoller ós premiados deste ano, que recollerán os galardóns nunha gala que se celebrará na primavera.
As categorías nas que se outorgarán nos Mestre Mateo son: longametraxe, película para televisión, programa para televisión, serie de televisión, documental, produción interactiva, curtametraxe de ficción, curtametraxe de animación, dirección de produción, dirección de fotografía, maquillaxe e perruquería, deseño de vestiario, dirección artística, montaxe, son, guión, banda sonora, dirección, realización, comunicador de televisión, interpretación masculina protagonista, interpretación feminina protagonista, interpretación masculina secundaria e interpretación feminina secundaria.