A Asociación Ambar forma aos seus usuarios en competencias dixitais

martes, 24 de xaneiro do 2023 S. P.

Este luns 23 de xaneiro deu comezo no Centro de Recursos da Asociación Ambar (Frións, Ribeira) a actividade formativa do programa Dixitalíza-T, que, como se indica no seu nome, consiste nunha iniciativa para capacitar aos asistentes en competencias tecnolóxico-dixitais. O programa está composto por catro módulos formativos e está destinado a persoas con diversidade funcional e cognitiva da comarca do Barbanza.
Segundo explica Ambar, o obxectivo xeral do programa é “mellorar a autonomía” dos usuarios da asociación a través da adquisición de novas competencias dixitais que lles “permitan mellorar a vida diaria a través de medios telemáticos”.
O grupo que iniciou a formación está composto por oito persoas con diversidade funcional. O programa constará de 160 horas comezando este luns 23 de xaneiro do 2023 e rematando o luns 13 de marzo do 2023.
Jaime Capilla, coordinador do programa, fixo este luns 23 de xaneiro a presentación do primeiro modulo que impartirá Ahinoa Parga. Tanto ela como Lidia Mariño, profesionais da Asociación Ambar, serán as encargadas de levar a cabo as accións formativas.
Sobre o programa
Dixitalíza-T divídese en catro módulos formativos: buscas na Rede, correo electrónico, trámites en liña e empregabilidade online. O enfoque das accións céntrase en ofrecer alternativas de formación dixital de maneira práctica, incrementar as posibilidades de accesibilidade dixital das persoas con diversidade funcional e romper os estereotipos existentes sobre as persoas con diversidade intelectual e o acceso a contidos a través da Rede. Este programa en competencias dixitais é posíbel grazas ao financiamento de Fundación ONCE.

PUBLICIDADE