A Aula CeMIT de Ponteareas terá horario de uso libre e novos cursos innovadores

xoves, 15 de xaneiro do 2026 S. P.

O Concello de Ponteareas presentou as novidades para o ano 2026 da súa Aula CeMIT ao tempo que lanzou os cursos dirixidos a todos os grupos de idade, innovadores e variados. O Goberno local aposta pola formación para mellorar o currículo das persoas, por espertar o interese nas novas tecnoloxías e sacarlle o máximo partido para a mellora do noso día a día.
Co obxectivo de ofrecer novos servizos á cidadanía o Concello permitirá o uso libre da Aula CeMIT podendo a cidadanía achegarse para utilizar os computadores contando co asesoramento da docente da aula.
“Neste 2026 apostamos por achegar os recursos a todos os grupos de idade e por incluír os recursos dixitais no día a día das persoas”, informou o Concello, engadindo que ao abeiro desta liña ofrece cursos como o de Estimulación Cognitiva para maiores de 55 anos e os de iniciación ao correo electrónico, iniciación informática, Telegram, Whatsapp, Google Business e robótica para nenas e nenos de 7 a 14 anos de idade.
O Concello adianta que a Aula CEMIT de Ponteareas será sede dos exames para obter a certificación galega en competencias dixitais promovida pola Xunta de Galicia e que certifica o nivel que ten unha persoa para utilizar as tecnoloxías dixitais, tanto a nivel persoal como social e profesional: unha certificación que serve para demostrar ante calquera institución, empresa a ou persoa o nivel de aptitude no uso das tecnoloxías dixitais coa dobre finalidade de motivar á cidadanía na aprendizaxe e manexo das TIC mediante a obtención dun certificado que acredite os seus coñecementos e mellore a súa empregabilidade; facilitarlles ás entidades públicas e privadas provedoras de emprego (empresas, administracións públicas, etc.) dun mecanismo para poder avaliar obxectivamente as competencias dixitais das persoas que se incorporen ás súas organizacións.
A Aula CEMIT de Ponteareas está no Centro de Emprendemento da praza Maior e para inscribirse nos cursos gratuítos as persoas interesadas deberán rexistrarse na web da Rede CeMIT.