A Axencia Estatal de Investigación destina 29,5 millóns de euros a proxectos aeroespaciais

xoves, 10 de outubro do 2024 S. P.

A investigadora do CITIC da UDC Minia Manteiga

Con motivo da celebración do Día Mundial da Astronomía, este 12 de outubro, a Axencia Estatal de Investigación (AEI), dependente do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades (MICIU), quixo visibilizar a aposta investidora que realizou nos últimos 5 anos para potenciar a investigación en Astronomía e Astrofísica como un claro impulsor do desenvolvemento innovador e competitivo do Sistema Español de Ciencia, Tecnoloxía e Innovación (SECTI).
Desde 2019, a Axencia Estatal de Investigación concedeu 29,5 millóns de euros para financiar 198 proxectos de investigación relativos a Astronomía e Astrofísica.
Para comprender os obxectivos deste esforzo investidor por parte da Axencia, Minia Manteiga Outeiro, coordinadora da subárea de Astronomía e Astrofísica da AEI e catedrática na Universidade da Coruña, ademais de investigadora do CITIC da UDC, lembra que “o noso país ocupaba en 2022 a novena posición en número de publicacións de alto impacto no mundo relativas a Astronomía e Astrofísica, segundo un estudo publicado no Boletín da Sociedade Astronómica Americana. E outro estudo da Sociedade Astronómica Coreana sobre a relación entre o desenvolvemento económico e o tamaño relativo da comunidade astronómica xa evidenciou o papel fundamental que esta ciencia ten para mobilizar o interese social cara a sectores innovadores e de vangarda, especialmente o sector espacial e a instrumentación de precisión. Estes feitos explican a aposta clara da Axencia Estatal de Investigación por financiar a área de Astronomía e Astrofísica, a que máis solicitudes presenta cada ano entre as diferentes ramas da Física e unha da que máis recursos demanda”.
Manteiga, que tamén é vicepresidenta da Sociedade Española de Astronomía (SEA), destaca que “a AEI é a principal fonte de financiamento para os 1.240 profesionais españois en Astronomía, que lles permite contar cos fondos necesarios para a compra de equipos e material. Ademais, a AEI financia tamén os recursos humanos mediante contratos predoutorais e programas de excelencia que financian a incorporación de investigadores a España, entre outros. Este financiamento foi medrando durante os últimos anos desde 4,8 millóns de euros en 2020 a 8,9 millóns en 2022, exclusivamente na subárea de Astronomía e Astrofísica da AEI”.
A coordinadora da subárea Espazo da AEI, Marina Díaz Michelena, do Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (INTA), sinala que “a investigación espacial, o desenvolvemento de plataformas satelitais e de instrumentación con altos estándares de precisión impulsa claramente un desenvolvemento industrial innovador e competitivo. Non podemos esquecer que España foi capaz de construír o maior telescopio óptico do mundo, o Gran Telescopio Canarias, cun espello primario de 10,4 m de diámetro. Nas últimas décadas vimos un repunte do sector aeroespacial, que nos permitiu contribuír de forma cada vez máis significativa en misións espaciais astronómicas da Axencia Espacial Europea (ESA) e da NASA. Abonda como exemplo o caso da exploración de Marte, onde temos actualmente tres estacións medio ambientais operativas no planeta vermello: MEDA no rover Perseverance; REMS no Curiosity, e TWINS en InSight”.
Primeira misión da ESA liderada por un investigador español
De feito, a ESA está a desenvolver nestes momentos a primeira misión liderada por un investigador español, Rafael de Guzmán, do Instituto de Física de Cantabria (IFCA). Trátase da misión Arrakihs, que se propón desentrañar o enigma da natureza da materia escura que conforma máis dun 80% de toda a materia que hai no universo, segundo os modelos teóricos actuais. Para iso a misión observará o Universo local a niveis moi baixos de brillo superficial nunca antes alcanzados en lonxitudes de onda visíbel e infravermella, utilizando un conxunto de cámaras de gran precisión a bordo dun satélite que orbitará ao redor da Terra a 800 km de altura. Estas observacións permitirán obter unha mostra representativa das correntes estelares nos halos de galaxias masiva como a nosa Vía Láctea. O número e forma destas correntes estelares, que son os restos de pequenas galaxias satélites destruídas por interacción gravitatoria, proporcionan a mellor pista para entender a natureza da materia escura.
A misión Arrakihs é unha colaboración entre a ESA e o Arrakis Mission Consortium (AMC) formado por científicos e enxeñeiros de distintas institucións e empresas. O consorcio da misión está dirixido polo profesor Guzmán e conta con oito estados membro: España, Austria, Bélxica, Noruega, Portugal, Reino Unido, Suecia e Suíza con contribucións adicionais en ciencia de Holanda, Estados Unidos, Taiwan e Tailandia. O consorcio inclúe tamén a empresas europeas do sector aeroespacial en Suíza, Bélxica e o Reino Unido lideradas pola empresa española Satlantis, que é a principal responsábel de proporcionar a carga útil do satélite.