A BBC leva a súa programación ó iPhone

venres, 7 de marzo do 2008 Marcus Fernández

O BBC iPlayer presenta a mesma web no iPhone que no PC

O BBC iPlayer permite ver no ordenador boa parte dos programas e series de televisión que se emiten pola canle televisiva británica BBC, e que busca achegarse cada día a máis soportes, adaptándose xa ó iPhone coma un primeiro paso de cara ós dispositivos móbiles.
Agora, os usuarios británicos do iPhone ou o iPod Touch poderán seguir as súas series favoritas dende a palma da súa man grazas ó trebello que dende a BBC consideran que «é o dispositivo máis optimizado para o vídeo de alta calidade». Este servizo de vídeo funcionará só en conexións a través de Wi-Fi, xa que a conectividade EDGE non garante o largo de banda suficiente para a retransmisión de vídeo cunha calidade aceptable.
Os vídeos para o iPhone empregan un largo de banda de 516 Kbps (400 Kbps para vídeo co codec H.264 e 116 Kbps para o audio en formato AAC).
Actualmente a BBC está a transcodificar os seus contidos a Flash, WMV, MPEG-2 e H.264, o que xa permiten o acceso dende ordenadores, receptores domésticos e outros trebellos que irán en aumento nos vindeiros meses. Os primeiros en chegar poderían ser os dispositivos con navegador web integrado (móbiles avanzados, Nintendo Wii…) pasando logo a outras plataformas que precisarán dunha aplicación a medida para acceder ós contidos.
Con todo este esforzo a BBC está a deixar claro que non quere deixar a ningún usuario de lado, nin quere apostar por unha única tecnoloxía, situándose na cabeza da innovación audiovisual a nivel mundial.