A BlizzCon volverá en setembro de 2026

mércores, 12 de marzo do 2025 Marcus Fernández

O grande encontro anual organizado por Blizzard tiña a súa continuidade en dúbida tras a compra da compañía por parte de Microsoft e, aínda que a edición de 2025 da BlizzCon non vai celebrarse, finalmente anunciaron que o centro de convencións de Anaheim vai acoller os días 12 e 13 de setembro 2026 a vindeira edición deste grande evento presencial que se celebra dende 2005, servindo para consolidar a comunidade de xogadores e para a realización de anuncios sobre os vindeiros lanzamentos e as grandes actualizacións dos xogos da compañía.
Confirman que a BlizzCon de 2026 contará cos seus actos habituais, como a cerimonia de apertura, os paneis pormenorizados, a Darkmoon Faire, as competicións amigables, as partidas en directo e moito máis, sempre cos xogadores no punto de mira.
Lembremos que a este tipo de celebracións que xuntan a seareiros dos xogos de Warcraft, Diablo, Overwatch e StarCraft chegaron a acudir máis de 40 mil persoas presencialmente, tendo en paralelo unha grande participación en liña para facer un seguimento tanto das competicións como dos grandes anuncios que teñen lugar na cita que tivo a súa anterior edición en novembro de 2023.