A CRTVG aposta polo crecemento da súa oferta dixital

martes, 28 de decembro do 2021 Redacción

O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, compareceu na derradeira Comisión de Control da Corporación no Parlamento de Galicia deste ano, onde salientou, entre outros temas, os resultados acadados no eido dixital, datos que «fannos pensar que estamos na liña correcta para lanzar a futura OTT nun ecosistema que non lle é alleo á CRTVG nin ao seu público e que agardemos que se traduza nunha transición o máis sinxela posible para o espectador do plano TDT ao plenamente dixital».
Izquierdo resaltou que é o público máis novo o que aproveita e goza destes contidos nas canles dixitais, webs, apps e redes sociais, e salientou o crecemento de canles como Facebook (20% máis que en 2020), Twitter (9% máis que no 2020) ou Instagram, onde os contidos da CRTVG foron seguidos este ano un 104% máis que en 2020.
Ademais, as visitas a YouTube superaron os 9 millóns, cun 33% máis de subscritores que en 2020 e o perfil de Twitch consolídase como canle de comunicación en galego co desenvolvemento do novo proxecto de #DígochoEu para esta rede os luns e mércores pola noite. Por outra parte, #DígochoEu acadou tamén unha boa posición na rede Tiktok, e remata 2021, despois de apenas un ano de percorrido, con 160.000 seguidores e máis de 10 millóns de impactos.

A estratexia de futuro da CRTVG

A estratexia de dixitalización da CRTVG supón a creación de plataformas coma o portal G24.gal, que reforza xa toda a oferta informativa nunha web de noticias en tempo real que se suma ás creadas noutros eidos da Corporación: a futura OTT como contedor de entretemento e que será unha realidade en 2022; o portal radiogalegapodcast.gal, estreado en outubro para recoller todos os podcasts da emisora, ou a plataforma PetisGo!, que dará cobertura no eido educativo aos rapaces de entre 6 e 16 anos a través dos seus dispositivos móbiles e que a Corporación desenvolve en colaboración con AMTEGA. Con estes investimentos, a CRTVG convértese en motor de innovación no eido da comunicación e do audiovisual en Galicia, despois de completar a dixitalización dos seus sistemas de produción, e mantendo como obxectivo seguir sendo relevante para Galicia tanto na comunicación coma na tecnoloxía, para deste xeito alcanzar e fidelizar as audiencias do futuro.

PUBLICIDADE