A CRTVG destinará máis de 10 millóns de euros á súa nova plataforma dixital
venres, 31 de maio do 2024
Esta mañá na Comisión de Control da CRTVG no Parlamento de Galicia, o director xeral da Corporación, Alfonso Sánchez Izquierdo, salientou o impacto da nosa plataforma dixital de contidos, AGalega.gal, adiantando que os orzamentos de 2025 dos medios públicos galegos incluirán unha partida de máis de 10 millóns de euros destinados ao desenvolvemento de contidos da plataforma.
Xunto con AGalega.gal os medios públicos lanzaron en xaneiro de 2024 as súas xemelgas, AGalegaAudio.gal e Xabarin.gal. En total, agora mesmo hai subidos máis de 13.000 contidos de forma gratuíta e en galego, na que é a maior oferta audiovisual na nosa lingua. En AGalegaAudio.gal atópase a programación da Radio Galega e un amplo abano de contidos sonoros, mentres que Xabarin.gal reúne múltiples canles con toda oferta para a mocidade e para os máis cativos.
Novidades e estreas exclusivas
A plataforma suma estes días novidades á súa proposta. O domingo incorpórase a ópera Don Pasquale, considerada a gran obra composta por Gaetano Donizetti e última gran ópera bufa italiana, a obra foi representada en Vigo o pasado outono, con Fernando Latorre e a soprano madrileña Natalia Labourdette nos papeis principais. E o xoves, 6 de xuño, chegará unha nova entrega da serie documental Historias de aquí, que repasa capítulos recentes e sucesos da historia de Galicia. Esta semana en O Edén repasarase o caso da orde dos Miguelianos de Oia (Pontevedra) e a causa xudicial que seguiu á detención do seu líder.
Xa o venres incorporarase ao catálogo de ficción a coñecida serie É pecado, miniserie inglesa de éxito que reflexiona sobre o impacto da sida nos anos 80 entre a poboación homosexual. En cinco capítulos, esta produción dramática narra a vida dun grupo de amigos nas rúas londinienses desa década. Cada semana irase estreando un novo capítulo. A estas novidades engádese unha nova temporada de Pratos Combinados, unha das series máis aclamadas polo público que quedará dispoñible o mércores.
Os pequenos da casa poderán gozar para o venres da estrea en galego de A miña vida en Versalles, película gañadora do Premio do Xurado no Festival de Annecy en 2019. Violeta, unha nena orfa de 8 anos, vai vivir co seu tío que traballa no palacio de Versalles. Alí, xunto cun gran oso de peluche aprenderá a adaptarse á súa nova vida, no que é un conto de fadas realista e encantador para gozar en familia.