A CRTVG e AMTEGA celebran un obradoiro de presentación para o desenvolvemento de proxectos innovadores
venres, 23 de novembro do 2018
A CRTVG e a Axencia para a Modernización
Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), celebran o vindeiro luns na sede de San
Marcos da Corporación un workshop de presentación
do Mapa de Demanda Temperá dentro do proceso de Compra Pública de Innovación
para a posta en marcha dunha plataforma integral de servizos e solucións
baseadas en contidos dixitais interactivos.
Mar Pereira, directora de AMTEGA, e José Pereira, director de Innovación e
Negocio da CRTVG, abrirán a xornada ás 10:00 horas, na que se presentarán as
fichas de avance e o mapa de demanda temperá, obtidos como resultados das
consultas ao mercado desenvolvidas.
A AMTEGA e a CRTVG colaboran neste proxecto de Consultas ao mercado para o
desenvolvemento de proxectos innovadores no ámbito dos contidos dixitais
interactivos, co que se busca posicionar Galicia na vangarda do sector
audiovisual a nivel internacional a través dos sectores TIC e audiovisual,
grazas ao convenio asinado no mes de xullo. Segundo ese convenio, os dous
organismos levan a cabo accións conxuntas de innovación tecnolóxica, como esta
creación dun modelo de análise de datos relativos ás necesidades da audiencia.
Deste xeito, a AMTEGA e a CRTVG están a colaborar para adaptar as emisións do
ente público ás novas demandas de consumo, no marco do Plan de acción para o
impulso aos contidos dixitais en Galicia, DICO Mindset.