A CRTVG estrea Musigalité, un programa adaptado a televisión, radio e Internet

mércores, 17 de febreiro do 2016 Redacción

A Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) estreará a vindeira noite un programa adaptado a televisión, radio e Internet, Misigalité, que abordará a música actual galega e contará cun total de trece programas.
Artistas e grupos musicais de Galicia como Iván Ferreiro, Carlos Jean, Triángulo de Amor Bizarro, The Soul Jacket, Miguel Costas, Maryland ou Víctor Coyote amosarán "a súa música e as súas raíces", acompañándoas de actuacións en directo.
Deste modo, en cada episodio, o público poderá coñecer os procesos creativos e o mundo de tres grupos musicais por capítulo. Así mesmo, Musigalité contará coa súa propia páxina web, na que estarán dispoñibles todos os capítulos, así como contidos extra relacionados cos 39 participantes, concertos ou cancións, entre outros. Tamén aposta polas redes sociais, de xeito que o novo espazo audiovisual está presente en Facebook, Twitter e Instagram.
Fernando López Moure, produtor e creador de Musigalité, asegura que “durante a emisión do programa na web vas ter diferentes contidos que van aparecer na pantalla, que van dende as letras das cancións da que están a falar ou fotografías de cando gravaron ese videoclip ou incluso fotografías do programa. Vai ser todo moi completo. O espectador vai dirixir a súa forma de ver o programa”.
Musigalité emitirase na Televisión de Galicia (TVG) os mércores ás 00:30 horas e será redifundido os sábados pola mañá. Ademais, o programa tamén se emitirá os mércores ás 19:30 horas en Radio Galega Música e refundirase na mesma cadea os sábados ás 14:30 horas.

PUBLICIDADE