A CRTVG estrea páxina web dos seus servizos informativos: agalega.info

domingo, 8 de xullo do 2007 Marcus Fernández

A web da Televisión de Galicia ofrece dende hai algún tempo a posibilidade de ver televisión á carta, ou sexa, acceder á programación da canle autonómica a calquera hora ou lugar transcendendo a mera emisión en directo, de xeito que os espectadores podían recuperar dende os informativos ata os programas de produción propia (pasando por algunhas series galegas).
Dándolle unha volta de torca, permiten agora o acceso non só a programas completos, senón a fragmentos dos informativos (segmentados en novas) de xeito que se aproveita a plataforma de vídeo baixo demanda para crear unha ferramenta sumamente útil tanto para xornalistas como para tódolos galegos, xa que permite dende consultar os últimos informativos da TVG ata explorar os seus contidos por categorías (tanto temáticas coma xeográficas). Tamén podemos buscar novas mediante palabras chave.
Ademais, para integrarse na Web 2.0, agalega.info permite recomendar os vídeos en sistemas coma Menéame e Chuza, así como engadilos os sistemas de favoritos de Del.icio.us e Yahoo.
Reto tecnolóxico
Se vén a TVG vén a emitir dende hai moito tempo a través da Internet (comezou en 1997, converténdose na primeira televisión europea en facer tal), a demanda crecente deste tipo de servizos supón todo un reto, xa que atender ás peticións dos usuarios precisa duns recursos elevados, de xeito que hoxe en día xa hai un 85.000 usuarios mensuais do servizo que consumen 1,2 Tb de transferencia de datos ó mes só para o servizo de televisión en directo. Tamén resultan impresionantes os resultados da radio en liña, que ten uns 40.000 usuarios ó mes que consumen uns 566 Gb de transferencia.
Pero outro servizo que está a gozar de moita demanda é a televisión á carta, que xa consume 1,3 Tb de transferencia ó mes, dende o que a TVG tamén inclúe os seus informativos, pero que con Agalega.info potenciarán, polo que se prevé un incremento do consumo, debido especialmente a que se flexibiliza o acceso ós contidos, de xeito que os usuarios non só poden acceder a un informativo en concreto, senón que teñen á súa disposición cada unha das novas por separado, podendo incluso navegar entre as mesmas e realizar buscas grazas a un sistema baseado en software libre (desenvólvese nunha plataforma baixo o sistema operativo Debian con programación PHP e MySQL) que deste xeito achégase a moitos máis usuarios e subministra un valor engadido ás novas, non só coa actualidade, senón co acceso a información de días anteriores, converténdose en toda unha ferramenta informativa moi atractiva.

Os vídeos da TVG circulan ata os servidores de Akamai, dende os que se replican e redistribúen por todo o mundo garantindo o soporte de milleiros de conexións simultáneas.

Akamai
A complexidade da Internet fai que o acceso ós contidos sexa moi desigual xeograficamente, polo que existen plataformas desenvolvidas por todo o globo que se dedican a almacenar contidos de xeito intermedio para atender as demandas localmente (mellorando a calidade e garantindo o servizo).
A CRTVG apostou pola empresa Akamai (compañía que actualmente xestiona o 20% do tráfico da Internet) para atender a demanda do vídeo a través da Rede, de xeito que tanto a televisión en directo coma os clips de vídeo baixo demanda se almacenan nos servidores de Akamai para servilos indirectamente por todo o mundo, o que fai que poidan soportar unha carga moi importante. Así, por exemplo, o día das pasadas eleccións municipais, a TVG acadou picos de 2.500 conexións simultáneas sen que se producise ningún problema.
Akamai convértese no distribuidor dos vídeos da TVG na Internet, o que é unha garantía de bo funcionamento, que resulta especialmente importante para os galegos na diáspora, pois accederán ós contidos de vídeo da Televisión de Galicia dende equipos situados nos seus países (garantindo unha boa conexión).
O obxectivo de acadar que unha televisión galega se globalice dun xeito robusto é unha proba superada.